Friday 22 de November de 2024

A actriz Loles León, protagonista do espectáculo de cabaré que hoxe e mañá estará no Teatro Colón


As entradas para asistir ás dúas sesións previstas xa están á venda na páxina web de Ataquilla.com

O Teatro Colón acolle esta fin de semana unha dobre sesión do espectáculo de cabaré ‘Una noche con ella’, escrito e dirixido por Juan Luis Iborra, e protagonizado pola actriz Loles Léon, intérprete cunha longa traxectoria tras de si e recoñecida especialmente polo seu traballo co cineasta Pedro Almodóvar en longametraxes como Mujeres al borde de un ataque de nervios (1988) e ¡Átame! (1989), entre outras.

Nas dúas sesións previstas (venres 14, 20.30 horas; sábado 15, 19.00 horas), cada unha de hora e media de duración, León cantará e bailará en directo, acompañada de dous bailaríns e dous músicos, facendo un percorrido polos últimos cincuenta anos da nosa historia,lembrando a súa viaxe pola vida, abríndose ao público para amosar os seus momentos máis amargos e tamén os máis gratificantes. En definitiva, serán dous espectáculos cheos de emocións que transportarán as e os asistentes a distintas épocas.

As entradas para asistir ás dúas sesións no Teatro Colón, con prezos que van dos 12 aos 20 euros, xa están dispoñibles e á venda na páxina web de Ataquilla.com.

Durante o espectáculo será imprescindible seguir os protocolos e normativas sanitarias vixentes, así como a presentación da documentación que acredite unha das seguintes circunstancias:
● Acreditación sanitaria da pauta completa de vacinación contra a Covid-19.
● Acreditación dunha proba diagnóstica negativa efectuada nas últimas 72 horas, no caso das PCR; e 48 horas, no caso dos test de antíxenos.
● Que o titular da entrada recuperouse dunha infección polo SARS-CoV-2 nos últimos 6 meses. Para isto, a persoa tería que ser sido diagnosticada como caso confirmado da Covid-19 hai 11 días ou máis mediante unha proba PCR, e non sería válido outro tipo de test.