A sesión, de acceso gratuíto ata completar capacidade, comezará ás 12.30 horas baixo a batuta do director Andrés Valero-Castells e incluirá parte do repertorio do proxecto ‘Música Valenciana original para Banda’
A alcaldesa, Inés Rey, agradeceu o esforzo da Banda Municipal de Música e a súa capacidade de adaptación durante a pandemia, “cumprindo sempre co obxectivo de levar a música a tódalas cidadás e cidadáns da Coruña”
O concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, asistiu hoxe á presentación do novo proxecto discográfico da Banda Municipal de Música da Coruña, que actuará este domingo no Teatro Colón (12.30 horas) para estrear, entre outras obras, parte do repertorio do disco ‘Música Valenciana original para Banda’, gravado en directo baixo a batuta do maestro Andrés
Valero-Castells, compositor e director de recoñecido prestixio internacional que recoñeceu o
“o nivel extraordinario da Banda”.
“Este traballo é froito de Andrés Valero, quen ademais logrou o apoio da Academia Valenciana da Música para impulsar este proxecto ponte entre A Coruña e Valencia”, sinalou Borrego. O disco, que inclúe composicións orixinais para banda de destacados compositores nacionais, foi presentado o pasado día 10 en Valencia, e chegará ao Teatro Colón da Coruña este domingo, en concerto. Durante a sesión, haberá un breve coloquio da man do director e crítico musical Marcos Seoane, achegando ás e aos asistentes unha vía de divulgación sobre este proxecto. Tamén participarán Marcos Seoane, crítico musical, e Juan Durán, compositor e académico.
O acceso ao concerto será gratuíto ata completar capacidade, e será obrigatorio o cumprimento das normativas e protocolos Covid-19.
● Uso de máscara, agás nos casos contemplados na normativa vixente.
● Uso da butaca que asigne o personal de sala do recinto.
● Respectar a sinalización.
● Seguir as indicacións do personal de sala.
Unha agrupación sustentada, principalmente, por instrumentos de vento
A Banda Municipal de Música da Coruña foi creada no ano 1947 baixo a denominación de ‘Banda-Orquesta’ Municipal da Coruña, unha agrupación de 75 músicos de dúas entidades diferentes, aínda que complementarias.
O seu primeiro concerto público celebrouse o 26 de xullo do ano 1948, no Teatro Rosalía de Castro e baixo a dirección de Rodrigo de Santiago. Tras el, chegaron Rogelio Groba, Indalecio Fernández Groba, o director holandés Marcel Van Bree, José Luis Represas Carrera, Andrés Valero-Castells e, entre 2017 e 2020, Juan José Ocón.
A agrupación, sustentada principalmente por instrumentos de vento, adaptouse en todo momento ás circunstancias derivadas da pandemia da Covid-19, feito que resaltou tamén a alcaldesa, Inés Rey, agradecéndolles o seu esforzo e capacidade de adaptación “cumprindo sempre co obxectivo de levar a música a tódalas cidadás e cidadáns da Coruña”.