Friday 22 de November de 2024

A Xunta conclúe o trámite ambiental da revisión do PEPOCH de Betanzos que conta cunha achega autonómica de 118.500€


— A Consellería de Medio Ambiente descarta efectos significativos, polo que non o somete a avaliación ordinaria, aínda que traslada a necesidade de identificar os bens de patrimonio cultural do ámbito e os elementos patrimoniais do Camiño Inglés

— Tamén propón a definición dun plan para soterrar cableado, reordenar os contedores de lixo e sinalar zonas de aparcamento para liberar de vehículos o centro histórico

— A Comisión de seguimento desta ferramenta acordou así mesmo actualizar as anualidades do convenio de colaboración para acompasar o ritmo da tramitación do Concello cos pagos previstos

A Xunta de Galicia rematou o trámite ambiental da revisión do Plan especial de protección e ordenación do centro histórico (Pepoch) de Betanzos, co que se pretende actualizar o vixente desde o ano 1992 e que conta cunha achega de 118.500 euros do Goberno galego.

Este plan é o instrumento para protexer e poñer en valor os elementos patrimoniais existentes, así como integrar neste contexto as novas actuacións que se propoñen, compatibilizando unha dobre estratexia de conservación e de revitalización.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de emitir o Informe ambiental estratéxico, no que se indica que non se esperan efectos significativos, polo que non considerou necesario sometelo a avaliación ordinaria.

En todo caso, no informe sinálase a necesidade de integrar unha serie de determinacións como xustificar a coherencia do mesmo coas Directrices de Ordenación do Territorio e co Plan de Ordenación do Litoral, así como a necesidade de realizar un estudo da paisaxe proporcionado e específico ao lugar e ás funcións do plan, e un estudo da paisaxe urbana.

A modo de exemplo, e tendo en conta as achegas da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, considérase tamén preciso realizar un traballo de campo para identificar todos os bens do patrimonio cultural existentes no ámbito da actuación e contar cun catálogo no que se inclúan os bens merecedores de protección identificados no traballo de campo, os xa recollidos no catálogo do Pepoch de 1992 e os elementos do Camiño Inglés.

Un último aspecto que se indica é a definición dun plan de actuación para o soterrado do cableado existente, valorar a reordenación dos contedores de lixo e establecer zonas de aparcamento que liberen de vehículos o centro histórico.

Comisión de seguimento
Por outra banda, a Consellería tamén adoptou recentemente un acordo, no seo da Comisión de seguimento desta revisión, co fin de actualizar as anualidades que se fixan no convenio de colaboración, co fin de acompasar o ritmo da tramitación do Concello cos pagos que están previstos.

Así, dos 118.500 euros previstos, aboáranse 23.700 euros en 2019 e estaba previsto, despois dun 2020 sen dotación, que se pagara o resto entre 2021, 2022 e 2023.

Non obstante, o Concello solicitou que o orzamento previsto para 2021 (35.550 €), ao non executalo, pasara a formar parte da anualidade de 2022, o que motiva que a vixencia do convenio se prolongue ata o ano 2024.