José Manuel Lage Tuñas: “O Concello da Coruña foi o único en Galicia que aprobou un novo plan de axudas directas no 2021”
O concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage Tuñas, explicou hoxe no pleno ordinario o estado de tramitación do Plan de Recuperación Económica e Social (PRESCO) do 2021, un plan mediante o cal, indicou o edil e voceiro, 1.392 persoas autónomas e pequenas empresas ingresaron xa as axudas aprobadas para facer fronte a alugueiros, pagamento de cotas de autónomos e Seguridade
Social e incentivos á contratación.
En total, o Concello leva aboados con cargo ao PRESCO do 2021 2.585.738 euros. Foron 2.610 as solicitudes de axudas presentadas, das que algo máis de 2.000 cumpren cos requisitos precisos para recibir os fondos públicos. O 70% xa están aboadas e o resto das admitidas están en proceso de pagamento, polo que os beneficiarios recibirán o ingreso correspondente durante as próximas semanas. “O Concello da Coruña foi o único en Galicia que aprobou un novo plan de axudas directas no 2021”, explicou Lage Tuñas.
As axudas para alugueiro e cotas supoñen un ingreso medio de 2.000 euros por cada solicitante que cumpra os requisitos. Ademais, o Concello rexistrou tamén un cento de peticións de axudas de incentivos á contratación, que supoñen ata 2.500 euros por solicitude.
“A alcaldesa, Inés Rey, comprometeuse dende o primeiro momento coa realización dun esforzo especial para axudar ás persoas que máis estaban a padecer os efectos da pandemia e creo que hoxe podemos constatar que fomos máis lonxe que ningún outro concello en Galicia e practicamente de España no cumprimento dese obxectivo”, indicou Lage Tuñas.
O segundo PRESCO permitiu tamén promover vendas no pequeno comercio da cidade por valor de 3.035.379 euros, ingresando a máis de 700 micropemes da cidade máis de 700.000 euros. Máis de 50.000 coruñeses e coruñesas descargaron os bonos de desconto.
Apoio ao sistema sanitario público
Por outra banda, o pleno aprobou unha moción, proposta polo BNG, de apoio ao sistema sanitario público galego e en respaldo ás demandas do persoal médico de maiores recursos e mellores condicións. A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, lembrou que durante os últimos 13 anos o recorte en atención primaria por parte do Goberno galego foi do 21%, sen que o executivo autonómico atendera as reiteradas demandas do persoal. “Galicia está á cola en España en atención primaria e en servizos como Pediatría, Enfermaría e Saúde Mental”, indicou a concelleira. A moción foi aprobada cos votos a favor do PSdeG, Marea Atlántica, BNG e a edil non adscrita Isabel Faraldo, e o voto en contra do PP.
Por outra banda, o pleno aprobou co voto favorable de todos os grupos dedicarlle unha rúa na cidade a Irene González Basanta, xogadora pioneira do fútbol feminino en España, sendo gardameta nos anos 20 no equipo da cidade que levaba o seu nome.