Friday 22 de November de 2024

Boqueixón aproba o orzamento de 2022, que ascende a máis de 3,5 millóns e pode converterse no máis investidor da historia


O concelleiro de Economía e Facenda apunta que “non quixemos poñer o carro antes cos bois pero as inversións que se van facer no 2022 poden superar os 5 millóns de euros”

O Pleno de Boqueixón aprobou os orzamentos de 2022 na súa sesión ordinaria de xaneiro, que tivo lugar na noite de onte de forma telemática. Uns orzamentos que saíron adiante cos votos a favor do grupo de Goberno e que ascenden a 3.580.131,12 euros, equilibrados en gastos e ingresos.

O concelleiro de Economía e Facenda, José Manuel Iglesias, foi o encargado de resumir os principais puntos dunhas contas garantistas e reais cun capítulo de inversións reais aberto e que de momento só inclúe os 31.979 euros correspondentes á achega municipal para un proxecto de mellora da estrada Moa-A Pena, que ascende a 160.000 euros. “Nin sequera recollemos os 198.000 euros do POS+ 2022 xa que son proxectos finalistas e non serán aprobados ata principios do mes de febreiro”, indicou.

Inversións no 2022

Porén, o voceiro do Grupo de Goberno sinalou que “as inversións que se van facer no 2022 poden superar os 5 millóns de euros, o que os converterían nun dos orzamentos máis inversores da historia do Concello ou, cando menos, dos últimos anos”. Neste sentido, José Manuel Iglesias informou da próxima formalización dun convenio coa Consellería de Medio Ambiente por 120.000 euros para a mellora da praza pública de Loureda e do campo da festa da Granxa.

Así mesmo, o Concello de Boqueixón presentou un proxecto no IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía) por valor de 4,6 millóns de euros, dos que a administración local tería que achegar 703.000 euros, para completar o cambio a LED de todas as luminarias pendentes no municipio e a construción de máis de 17 quilómetros de sendas peonís. “Entendemos que a nosa solicitude vai ser atendida polo IDAE”, admite José Manuel Iglesias, quen sinala que “non quixemos poñer o carro antes cos bois pero hai moitas posibilidades de que nos dean esta subvención”.

Os orzamentos de 2022 recollen tamén 40.000 euros para a tramitación do novo PXOM, cuxo borrador xa foi presentado na Xunta de Galicia. Nestes momentos, o Concello de Boqueixón está en conversas coa Consellería de Medio Ambiente para o volcado dos datos que permita a elaboración dunha nova cartografía.

Finalmente, o alcalde, Manuel Fernández Munín, informou ao Pleno dos avances nas xestións para a creación dun centro de día compartido entre Boqueixón e Vedra. “Déronse pasos importantes xa que a día de hoxe temos un borrador de proxecto que ascende a 2,5 millóns de euros e estamos á espera de articular a súa financiación”, indicou o alcalde boqueixanés.

Aposta social

Dende a oposición xustificaron o seu voto en contra ao considerar que se trata dunhas “contas continuistas” e volveron instar ao Goberno local a incorporar máis partidas de apoio á poboación prexudicada pola pandemia da Covid-19.

Sobre isto, Iglesias destacou o incremento da partida destinada a atención social, que medra ata os 550.000 euros; os máis de 21.000 euros destinados a fondos de continxencia; os 12.800 euros para o programa contra a violencia de xénero; os 9.000 euros para o plan de igualdade entre homes e mulleres; os 8.000 euros en axudas para o fomento da natalidade; ou o aumento de 12.000 a 16.000 euros nas axudas a actividades do tecido asociativo boqueixanés.

Finalmente, os orzamentos 2022 manteñen as mesmas cifras na previsión de ingresos por impostos directos e indirectos cos de 2021, e non contemplan incrementos nas taxas municipais, se ben están previstos maiores ingresos derivados da normalización da realización de actividades culturais ao longo do ano. No apartado de gastos, a pesar de recoller un incremento do 2% nas retribucións ao persoal, esta partida baixa en 25.000 euros fronte a 2021 pola amortización de varias prazas.

Resto da sesión

Previamente, o Pleno tamén ratificou a adhesión do Concello de Boqueixón ao convenio entre a Axencia Estatal de Administración Tributaria e a FEMP en materia de subministración de información de carácter tributario ás entidades locais e aprobou a permuta dunha finca en Codeso e a modificación do representante do CPI Antonio Orza Couto na Mesa Local de Coordinación Institucional contra a Violencia de Xénero dos Concellos de Boqueixón, Touro e Vedra, que será Florentina Ribadulla, con Noelia Gallardo como substituta. Por último, aprobouse que os traballadores municipais en situación de incapacidade temporal, cobren o 100% do seu salario dende o primeiro día da baixa.