Friday 22 de November de 2024

O GES de Brión acude a dous accidentes en Ames: un cunha persoa falecida no Milladoiro e outro con dúas persoas feridas na AC-544


O Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Brión participou esta mañá na asistencia ás persoas implicadas en dous accidentes que tiveron lugar no municipio de Ames. Así, ás 7:10 horas, recibiron un aviso do 112 dun accidente de tráfico con feridos no quilómetro 8 da AC-544, na rotonda coa AC-447 (a rotonda de Feiraco).

Ata o lugar desprazáronse tres técnicos do GES brionés, coa Bomba Urbana Lixeira e o Vehículo de Intervención Rápida, que comprobaron que se trataba dunha saída de vía que se resolvera cunha colisión frontal. Froito do accidente, os dous ocupantes do vehículo resultaron feridos e foron trasladados ao hospital por unha ambulancia. O GES brionés protexeu e sinalizou a zona, mentres procedía á limpeza da vía. Ata o lugar tamén se desprazaron Garda Civil e 061.

Mentres estaban atendendo esta incidencia, o 112 emitiu ás 8:40 horas unha nova alerta dun atropelo cunha persoa atrapada na rúa das Hedras (Milladoiro-Ames). Ata aló se desprazaron os tres integrantes do GES de Brión cos dous vehículos dispoñibles. Unha vez no lugar atopáronse coa persoa xa liberada pero, a pesar dos esforzos do persoal sanitario para reanimala, rematou falecendo. Ata o lugar acudiron tamén dúas ambulancias do 061, Proteccion Civil de Ames e Policía Local de Ames, entre outros.