Saturday 16 de November de 2024

A Xunta licita as obras da deputaradora de Queiruga, que contarán cun investimento de máis de 1,7M€


— O delegado da Xunta na Coruña e o alcalde de Porto do Son supervisaron a zona na que se vai a levar a cabo a construción da nova depuradora

— Esta actuación comezará a executarse a mediados de 2022 e terá un prazo de execución de 12 meses

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, supervisaron a zona na que se van a levar a cabo as obras para a mellora do saneamento do municipio, na parroquia de Queiruga, que suporán a construción dunha nova estación de tratamento de augas residuais.

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, anunciou que hoxe mesmo se licitou esta actuación por un importe de máis de 1,7 millóns de euros. As empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro 22 de febreiro para presentar as súas ofertas. Está previsto que a obra se inicie a mediados de 2022 cun prazo de execución de 12 meses.

A Xunta asumirá integramente o financiamento da nova instalación e contratará, dirixirá e executará as obras. Pola súa banda, o Concello de Porto do Son asume a posta á disposición dos terreos necesarios e comprométese a conseguir as autorizacións para a execución dos traballos, recibir as obras unha vez realizadas e ao seu mantemento e conservación.

As obras serán cofinanciadas pola Unión Europea no marco do eixo REACT EU do programa operativo FEDER Galicia 2014/2020.

O delegado da Xunta explicou que as actuacións proxectadas pretenden mellorar o sistema de saneamento existente mediante a construción dunha nova depuradora no lugar da Ponte, na parroquia de Queiruga. Ademais proxéctase unha nova rede de colectores de augas residuais, tres estacións de bombeo e dúas impulsións para a condución das augas ata a nova depuradora. Tamén se inclúe a execución de dous colectores de augas pluviais.

De acordo coa alternativa proposta, a rede de Queiruga estará composta por un total de 10 colectores, 8 por gravidade e 2 por impulsións. Tamén son precisas 3 estacións de bombeo nos lugares de Tarrío, Seiras e A Ponte.

En total prevese a construción dunha rede de colectores de augas residuais, pluviais e impulsións que suman máis de 5.300 metros de lonxitude en total. Trenor recalcou que “a nova instalación suporá un gran avance para a rede de saneamento dos principais núcleos costeiros de poboación do municipio”. Esta actuación permitirá dar servizo a 1.537 habitantes no horizonte de 2043.

Con este tipo de actuacións a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúa achegando o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento, abastecemento e depuración, que son de competencia local.