Friday 22 de November de 2024

O Centro Sociocultural Ágora acolle este venres a representación da peza de teatro ‘O montacargas’, un clásico estreado no ano 1959


O Servizo de Normalización Lingüística do Concello organiza a montaxe teatral, dirixida por Evaristo Calvo e protagonizada por Santi Romay e Federico Pérez

Este venres 14 de xaneiro, ás 21.00 horas, as e os amantes da dramaturxia terán unha cita no Centro Sociocultural Ágora para gozar da obra ‘O montacargas’, de Harold Pinter, reinterpretada polo director Evaristo Calvo.

‘O montacargas’, peza senlleira do teatro do absurdo escrita en 1957 e estreada no ano 1959 por vez primeira, presenta dous personaxes, Ben e Gus —encarnados polos nomeados actores Federico Pérez e Santi Romay—, dous sicarios que agardan nun cuarto as súas próximas ordes e obxectivos. Neste cuarto, onde hai un montacargas a través do que reciben mensaxes dos seus xefes, os protagonistas dialogarán de diferentes temas, mentres pensan na súa seguinte vítima, que terá que aparecer, en calquera intre, pola porta.

Nesta nova versión de Evaristo Calvo mesturaranse horror, humor e suspense nun escenario sinxelo, mais, á súa vez, tetricamente profundo, onde os protagonistas irán amosándose ao público, durante os 60 minutos de función, mentres condensan unha atmosfera de tensión e incerteza ata chegar ao seu clímax final.

As entradas para asistir á función deste venres (21.00 horas) están xa dispoñibles en Ataquilla.com. Por motivos de seguridade e prevención sanitaria, é obrigatorio levar máscara en todo momento e, á chegada ao Centro Sociocultural Ágora, presentar o certificado de vacinación contra a Covid-19.