Friday 22 de November de 2024

Feijóo avanza un novo Plan Estratéxico da conserva para definir a folla de ruta do sector ata 2030 en eidos como a comercialización, a innovación e o medio ambiente


Anuncia tamén unha nova convocatoria de axudas para que pemes do sector melloren os procesos de transformación cun orzamento de 19 millóns de euros

Resalta que a industria conserveira galega é un sector plenamente internacionalizado, tanto en vendas como en produción, e incide na necesidade de aproveitar as novas oportunidades xurdidas do cambio de hábitos derivado da pandemia

Ante a pretensión do Goberno central de que ningunha concesión no litoral dure máis de 75 anos desde a autorización inicial, pide novamente ao Estado que concrete cales son os seus plans e que, ante calquera modificación, escoite á cadea mar-industria

 

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a Xunta está a traballar xa nun novo Plan estratéxico da conserva para definir a folla de ruta do sector ata 2030, en eidos como a produción e comercialización, a innovación, o emprego, o medio ambiente e a normativa que afecta a esta industria.

 

Durante unha visita ás instalacións do grupo Calvo en Carballo, Feijóo garantiu o compromiso da Administración autonómica coa cadea mar-industria, reflectido tamén nunha nova convocatoria de axudas para que pemes do sector melloren os procesos de transformación e ás que se destinan 19 millóns de euros de orzamento. “Seguimos traballando de forma constante con Anfaco-Cecopesca”, engadiu.

 

O titular da Xunta recordou que a industria conserveira galega está plenamente internacionalizada tanto en vendas como en produción e incidiu na necesidade de aproveitar as novas oportunidades xurdidas do cambio de hábitos pola pandemia e adaptarse ás novas demandas do consumidor.

 

Nesta liña, aseverou que as instalacións de Calvo confirman que a conserva galega segue a ter moi presente a dobre premisa que a levou a converterse nun dos sectores estratéxicos da economía de Galicia: respecto pola tradición sen renunciar á innovación e á modernización.

 

“Estamos a falar dunha das grandes multinacionais galegas que fixo un redeseño integral do proceso de fabricación e transformación ata contar co que se pode definir como unha planta intelixente do atún, dotada do último en tecnoloxía que permitirá automatizar todo o proceso grazas á robotización, controlar en tempo real todas as operacións e corrixir calquera desviación a tempo”, salientou, recordando que, na actualidade, o grupo está presente en 69 países e xera máis de 5.000 empregos.

 

Por último, e ante as pretensións do Goberno central de que ningunha concesión no litoral dure máis de 75 anos desde a autorización inicial, Feijóo aproveitou o acto para pedir novamente ao Goberno central que concrete cales son os seus plans e que, ante calquera modificación, escoite á cadea mar-industria afectada.

 

“Intentouse implantar esta limitación coa Lei de cambio climático pero logrouse evitar en boa medida durante o seu paso polas Cortes Xerais e, agora, parece ser que se volve intentar no regulamento da Lei de costas”, recordou, incidindo na necesidade de que “impere o sentido común”.