— Na investigación tomouse declaración ao presunto autor dun lume provocado polo lanzamento de artefactos pirotécnicos
A Policía Autonómica, en colaboración coa Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), esclareceu un incendio forestal no concello coruñés de Camariñas.
Axentes da Xefatura da Policía Autonómica con sede en Santiago identificaron ao presunto autor dun lume rexistrado o pasado 1 de xaneiro na parroquia de Ponte do Porto, no que se viron afectados 8.000 metros cadrados de monte arborado.
Froito da investigación, os axentes tomaron declaración a un varón que no día de Aninovo lanzou artefactos pirotécnicos desde a súa vivenda provocando lapas que, debido ás rachas de vento, se estenderon ao monte. Os membros da UIFO colaboraron na inspección ocular levada a cabo no lugar do incendio.
As dilixencias por estes feitos remitíronse ao xulgado de garda de Corcubión.