Friday 22 de November de 2024

O Centro Sociocultural Ágora retoma este martes o ciclo ‘Documental do Mes’ coa proxección da reportaxe de investigación sueca ‘Arica’


A venda de localidades xa está dispoñible, na web de Ataquilla, e tamén se habilitará mañá, no Ágora, unha hora antes do inicio da sesión

O ciclo ‘Documental do Mes’ volve este martes, 11 de xaneiro, despois da parada de Nadal, ao Centro Sociocultural Ágora. O programa, activo durante todos os meses do ano coas excepcións de xullo e agosto, ofrece á cidadanía a posibilidade de gozar con filmes de gran calidade, moitas deles premiados, en sesións de carácter mensual.

Mañá, dende as 20.00 horas, o auditorio do Centro Sociocultural Ágora abrirá as súas portas ao público coa proxección do documental sueco ‘Arica’ (2020), dirixido por Lars Edman e William Johansson Kalén. A cinta, de 95 minutos de duración, está orientada a todos os públicos.

‘Arica’ é unha historia de investigación impactante sobre a vertedura ilegal de residuos tóxicos que se levou a cabo anos atrás na cidade chilena de Arica, con severas consecuencias para os seus habitantes. A multinacional sueca responsable dos feitos escondeu durante décadas o desastre ata que Lars Edman, un mozo sueco de orixe chilena, interesouse polo caso no ano 2009. O documental recolle como a súa investigación sobre o acontecido acabou levando a empresa ante os tribunais.

O prezo das entradas para asistir á sesión será de 2,50 euros. No caso dos asistentes que leven carné xove, maiores de 65 anos e as usuarias e usuarios desempregados, o custo será de 2 euros. Será imprescindible presentar o documento que acredite o desconto no momento de comprar a entrada no despacho de billetes e de acceder á sala na que terá lugar a proxección.

A venda de localidades, xa dispoñible na web de Ataquilla, tamén estará habilitada no Ágora unha hora antes do inicio da sesión, así como no despacho central de billetes da praza de Ourense: L-X (10.00 a 14.00 horas; e 15.00 a 18.00 horas) e os venres (10.00 a 15.00 horas; excepto festivos).

Durante a proxección será obrigatorio o cumprimento da normativa sanitaria de prevención Covid-19, polo que será indispensable o uso de máscara e os asistentes deberán seguir as instrucións marcadas polo persoal das instalacións en todo momento.