Ademais de colaborar nas distintas actividades de voluntariado municipal, desenvolveron un novidoso curso gratuíto de actividades de tempo libre en inglés para nenos e nenas de Lousame
A concelleira de Mocidade, Silvia Agrafojo, e o técnico de Voluntariado, José Manuel Outeiral, presidiron o acto de despedida das dúas voluntarias turcas, Ebru Karaca e Dilara Güven, que participaron durante os últimos nove meses no proxecto europeo “Actividades interxeracionais de voluntariado”. Un acto celebrado na noite do pasado venres no auditorio de Lousame e que pillou por sorpresa a ambas as dúas voluntarias, que mañá martes volven á súa Turquía natal.
Ao acto asistiron preto dun cento de persoas, entre voluntarios/as, integrantes da UNED Sénior de Lousame, do grupo O Son do Pote e do Concello de Lousame que compartiron con elas estes nove meses de traballo: punto de atención á infancia, centro de día, colexio, campamentos de verán… Incluso durante o verán organizaron un novidoso curso gratuíto de actividades de tempo libre en inglés a nenos e nenas de entre 5 e 14 anos de idade.
Silvia Agrafojo aproveitou para agradecer “todo o esforzo que fixeron tanto Ebru como Dilara desenvolvendo actividades de carácter social e cultural que lles valeron o cariño de moitos veciños e veciñas de Lousame”. Ademais de entregarlles o diploma acreditativo da experiencia adquirida nos últimos nove meses, Agrafojo e Outeiral agasalláronas con sendas figuras de Sargadelos: unha dun faro, pola visita realizada ás illas Cíes, e outra dun gaiteiro, polo achegamento de Ebru Karaca con ese instrumento.
De feito, o Grupo o Son do Pote e as pandereteiras da Aula Sénior da UNED quixeron colaborar poñendo a música ao acto, entregándolles ás dúas voluntarias cadanseu colgante co seu nome e unha ducia de cadros elaborados por un artista local das distintas actividades nas que tomaron parte Ebru e Dilara. Moi emocionadas, Dilara só conseguiu agradecer todas as mostras de cariño pois “foi unha sorpresa, quérovos a todos e vouvos botar moito de menos”; mentres que Ebru lles asegurous que “sodes a miña segunda familia. Espero volver no verán ou o antes posible”.
O Concello de Lousame é un dos poucos municipios de Galicia que xestiona programas de Voluntariado Europeo, sendo ao mesmo tempo entidade de envío como de acollida de voluntarios/as. En 2017 iniciou este camiño coa acollida de dúas voluntarias, a francesa Lucíe Rimasson e a rusa Anna Uvarova; entre 2018-2019 contaron coa colaboración da ucarína Oksana Kalinicheko e a rusa Iuliia Bautdinova; mentres que a persoa que ía participar no programa de 2020 volveu á súa terra natal xa que a súa chegada coincidiu co inicio dos meses de confinamento pola Covid-19.