Sunday 24 de November de 2024

A Xunta subliña o papel dos profesionais do urbanismo e da arquitectura para o desenvolvemento sostible do territorio e da riqueza paisaxística de Galicia


Ángeles Vázquez avanza que o seu departamento analiza as alegacións presentadas ao proxecto da Lei de arquitectura e buscará acordos cos principais colectivos e sectores que traballan a diario neste eido para que o texto sexa “o máis consensuado posible”

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, subliñou esta mañá o importante papel que exercen os profesionais vencellados ao eido do urbanismo e da arquitectura á hora de garantir un desenvolvemento territorial e paisaxístico sostible, responsable e ordenado da Comunidade galega.

Durante o acto de apertura do Curso de técnico superior de urbanismo 2022-2023 —con máis dun cento de inscritos e organizado pola Xunta, a través da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), e polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG)—ؙ, Ángeles Vázquez lembrou a importancia deste tipo de actividades para reforzar a formación destes colectivos, xa que constitúen un foro de debate “enriquecedor” e lles ofrecen a oportunidade de abordar todas as disciplinas e materias que conforman o urbanismo responsable, unha práctica da que, dixo, “Galicia é hoxe todo un exemplo”.

“Debemos ser conscientes de que o territorio e a paisaxe son patrimonio de todos e constitúen unha das maiores riquezas que temos”, asegurou a conselleira, quen animou aos participantes no curso a contribuír á “sensibilización” social e “seguir construíndo un país onde a paisaxe, o territorio e o urbanismo gocen da protección que merecen”.

Con ese mesmo obxectivo, a responsable autonómica lembrou que o Goberno galego leva máis dunha década traballando pola ordenación sostible, o equilibrio territorial e a preservación da paisaxe, un esforzo que se plasmou na aprobación dun corpus normativo moderno e completo, do que subliñou a Lei do solo e o seu regulamento, a Lei de ordenación do territorio, o Plan de ordenación do litoral ou as Directrices da paisaxe.

Para seguir avanzando nesta dirección, Ángeles Vázquez indicou que a Consellería leva tempo traballando na que será a primeira Lei de arquitectura de Galicia.

Así, indicou que xa está a analizar as alegacións recibidas na fase de consulta pública, entre elas, as presentadas polo COAG, un dos organismos cos que ten previsto reunirse nos vindeiros meses para buscar acordos que garantan que o texto que finalmente se remita na segunda metade do ano ao Parlamento sexa “o máis consensuado posible”.

Por último, a conselleira tamén se referiu á aposta da Xunta polo fermosismo e pola rehabilitación do patrimonio xa construído, un eido no cal 2022 será un ano “clave”. Así, salientou que se convocarán axudas e levarán a cabo actuacións directas en materia de rehabilitación residencial por 157 millóns de euros (117 millóns dos fondos europeos e 40 propios), mobilizando nos próximos anos un investimento de 360 millóns, que beneficiará a 16.000 familias e xerará uns 17.000 empregos.

O urbanismo, fronte a grandes retos
Pola súa parte, a decana do COAG, Elena Ampudia, indicou que actualmente o urbanismo afronta os seus maiores retos en canto a planificación territorial e ordenación urbana, de aí a importancia de contar con profesionais formados na materia. “Preséntase a necesidade inminente de garantir a sostibilidade urbana tendo en conta que as cidades son o principal foco de consumo de enerxía e produción de CO2. Tamén está no horizonte conseguir cidades compactas, sostibles e seguras a través de operación de renovación urbana e rexeneración urbanística, e en particular en Galicia presentar solucións de mobilidade nun territorio caracterizado por un modelo de asentamento disperso que dificulta a concentración da poboación”, explicou.

Para dar resposta a estes desafíos, a decana sinalou que é necesaria a colaboración entre varias profesións, xa que o urbanismo é unha disciplina compartida onde asegurou que sen dúbida “os arquitectos somos os profesionais clave do proceso”, tanto desde as administracións públicas como desde o exercicio libre da profesión.

Ao acto tamén asistiron o director do Instituto de Estudos do Territorio, Enrique de Salvador, e a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, quen no marco deste curso dará unha ponencia este xoves baixo o título Instrumentos para a ordenación e xestión do territorio.