Sobre “A pelexa da ciencia contra o cambio climático” xirará este mércores, 12 de xaneiro, a primeira charla do ciclo de divulgación científica ContandoCiencia. A actividade, organizada pola Biblioteca do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino de Fene, contará nesta conferencia inaugural coa física especializada en atmosfera e medio ambiente Susana Bayo. A cita será o mércores a partir das 19.30 horas na Casa da Cultura de Fene, con entrada libre e de balde até completar o aforo.
Susana Bayo Besteiro (Guitiriz, 1977) é licenciada en Física, especializada en atmosfera e medio ambiente. Actualmente é investigadora predoutoral no EphysLab da Universidade de Vigo no eido dos servizos climáticos para a enerxía eléctrica renovable. Dentro deste traballo ten elaborado informes de carácter confidencial para a industria enerxética e participado en conferencias internacionais.
Dende febreiro do 2021 é directora e presentadora de El Tiempo en Telemiño, La Región Atlántico Diario espazo de información e divulgación meteorolóxica diario.
Fora da área académica ten desenvolvido a súa carreira no sector público e privado. Susana Bayo foi concelleira de Medio Ambiente e Transporte na cidade de Ourense (2011-2015) implementando políticas de mellora da contorna e de adaptación ao cambio climático.
Ademais, é membro da dirección executiva en España da organización fundada por Al Gore The Climate Reality que se adica, con actividades de divulgación, a promover o coñecemento do cambio climático entre a poboación en xeral.
Trala conferencia de Susana Bayo deste mércores, o ciclo ContandoCiencia continuará o mércores 16 de febreiro cunha charla do astrofísico e divulgador científico Borja Tosar sobre “Vacacións marcianas” (con observación despois da charla).