Pois agora si que damos por rematadas as festas de Nadal e Reis en San Sadurniño. Esta mañá o Concello entregou os premios do concurso “Engalana o teu concello” no que participaron un total de 30 composicións entre decoracións de vivendas, espazos públicos e negocios.
O certame lanzouse a principios de decembro dándo a posibilidade de participar en tres apartados e de ganar gorentosos premios en cada un deles: o individual, referido á decoración de vivendas (15 vales de 50€ para consumir na hostalaría ou gastar no comercio local); a categoría colectiva, para premiar o engalanamento de espazos públicos (5 vales para xantares ou ceas para 5 persoas por vale); e o apartado de establecementos, este último subdividido á súa vez nas seccións de escaparates e exterior cunha cesta de produto local para cada un deles.
Ademais, o Concello decidíu facer unha mención especial para varias veciñas e veciños de Lamas e Igrexafeita que axudaron nas decoracións sen participar en ningunha categoría do concurso, así como ao grupo encabezado por Marián Arroyo que montou o Belén instalado no patio da casa consistorial.
Este ano as decoracións teñen como principal elementos comúns o da reutilización de materiais e o de que todas as persoas participantes lle puxeron grandes doses de imaxinación para reflectir escenas propias do Nadal.
A madeira, os bimbios, as pinas e outra materia prima vexetal tiveron un protagonismo indiscutible, reconverténdose en renos, estrelas, árbores, apalpadores, “papanoeles”, elfos, bonecos de neve e outras figuriñas fabricadas a partir de toradas e carabullos ou botando man de táboa e serra de calar.
En canto aos temas elixidos tamén houbo moita variedade. Na colección -que pode verse nunha galería publicada hai uns días no Facebook municipal- aparecen reproducións dos tradicionais Nacementos -chamaron a atención o da área recreativa de Santa Mariña ou o que situado ao pé da igrexa de Igrexafeita- con outras de chegada máis recente procedentes da cultura nórdica e anglosaxona, con especial querencia polo Santa Claus que, porén, se viu superado en número nesta edición do certame polas diversas interpretacións do Apalpador.
As galardoadas e galardoados foron:
Individual: Ana María Iglesias, Ana Lamas, Ángeles Castro, Celsa Sabín, Dara Dopico, David Tembrás, Isabel Soto, José Miguel Suárez, María Rosario Fonticoba, Noemi Carballido, Paula Rañal, Rosa Romero, Tania Rodríguez, Verónica Bermúdez e Verónica Ferreirós.
Colectiva (espazos públicos): Anxo, Roberto e Sara (Igrexafeita), Consuelo, Elvia, Alicia e Clara (Igrexafeita), María del Mar e Belén (Santa Mariña), Ana Fernández (Santa Mariña)
Escaparates (interior): Nuria Muíño (Agro Muíño, Lamas) e Sagrario Fraga (Bar Eladio, Naraío)
Mencións especiais: Veciñanza de Lamas, Veciñanza de Igrexafeita e Veciñanza de San Sadurniño.
No acto de entrega dos premios celebrado este mediodía, o Concello tamén agradeceu a colaboración da artista Paula Aneiros, quen deseñou varios dos elementos colocados pola área de Cultura en distintos puntos do territorio a xeito de aldea do Apalpador. O agradecemento estendeuse a Carlos García e Marina Goti -2Duendes- polo poboado do Nadal que ambos armaron diante do Concello, así como a Marián Arroyo e ás persoas que lle axudaron a montar o Nacemento que se puido visitar ata esta mañá no patio interior do Pazo da Marquesa.