Friday 22 de November de 2024

A Xunta licitará no primeiro trimestre de 2022 a redacción do proxecto de interese autonómico do futuro parque empresarial de Coristanco


Ángeles Vázquez coñeceu un informe sobre a demanda actual do tecido empresarial, elaborado polo Concello, que inicialmente require 40.000 m2 de solo

Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2022.- A Xunta licitará no primeiro trimestre deste ano a redacción do proxecto de interese autonómico (PIA) do futuro parque empresarial de Coristanco. Trátase dun ámbito que estará localizado no enlace entre as estradas AC-552 e AG-55, na parroquia de Oca.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada polo director do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García Porto, mantivo unha reunión co alcalde, Juan Carlos García Pose, na que analizaron a demanda de solo por parte do tecido empresarial de Coristanco.

A conselleira recordou que esta actuación, que conta co plan de viabilidade, está incorporada no Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia, polo que era determinante confirmar a demanda existente por parte de empresas interesadas en asentarse, co fin de dimensionar as fases do mesmo.

Segundo un informe realizado polo Concello, a demanda inicial estimase nuns 40.000 m2, distribuídos en parcelas de mediano e pequeno tamaño. Así, tendo en conta a necesidade de solo para espazos comúns, vías e servizos xerais, vese necesario habilitar un ámbito duns 60.000 m2.

A conselleira felicitou ao rexedor local polo traballo de análise e valoración realizado, no que contou co apoio do equipo directivo e técnico do IGVS, e que hoxe lle permite xustificar unha necesidade real e ponderada á realidade.

Por último, a conselleira recordou que o Goberno galego prevé nas contas de 2022 unha partida de 27 millóns de euros para levar a cabo trámites, actuacións e obras co fin de reforzar o potencial dos parques empresariais galegos.