A rapazada e máis o profesorado do CEIP San Ramón non paran de argallar proxectos que sigan incrementando a xa de por si excelente calidade educativa do centro. A última idea na que andan traballando é a de volver poñer en marcha unha radio que lles permita deixar constancia falada do día a día da escola e das súas inquedanzas sobre distintas cuestións, ademais de experimentar cun medio de comunicación que se presta á creatividade e ao desenvolvemento da expresión oral. O equipamento básico finánciallelo a Consellaría de Educación, pero faltáballes un espazo axeitado para gravar con certa calidade. Niso vai axudarlles o Concello, quen aproveitou o parón do Nadal para iniciar as obras de acondicionamento como estudio dunha das estancias do centro.
Os traballos están facéndose desde hai uns días nunha parte do laboratorio, situado no andar superior do CEIP. Alí os operarios municipais xa retiraron os vellos radiadores e prepararon as paredes como paso previo á renovación dun espazo dividido en dúas estancias, unha para o control técnico e outra como locutorio. Parte da sala irá pintada, mentres que a outra levará paneis de cortiza que melloren un pouco o illamento acústico, ademais de absorber os ecos que poidan producirse durante as gravacións.
“Hai uns anos xa houbera unha radio escolar que tivera moito éxito entre as familias. Ademais a finais de 2020 os cativos e cativas participaron nun obradoiro de radio que volveu sementar neles a curiosidade por este medio de comunicación e desde aquela estiveron traballando nun proxecto que agora van poder levar adiante con axuda da Consellaría. Desde o Concello colaboramos preparándolles a aula para que os programas se graven nas mellores condicións posibles”, explica Beatriz Bascoy.
A radio botará a andar, previsiblemente, ao longo deste ano. Poderá escoitarse a través de internet con programas producidos, redactados, locutados e mesturados polo propio alumnado con axuda dos seus mestres e mestras. Do seu bo facer hai xa publicadas algunhas mostras no blog do centro, accesibles a través da plataforma de streaming iVoox.
Máis melloras
Ademais de empezar a acondicionar a que será a futura radio do CEIP San Ramón, o Concello tamén aproveitou estas vacacións para facer labores de mantemento. Limpáronse colectores, revisáronse xogos e hoxe mesmo estábase rematando a sega das zonas verdes, co obxectivo de que todo estea a punto para volver ás clases o luns.
Por outra banda, o persoal municipal tamén lle botará unha man ao profesorado coa montaxe dun pequeno invernadoiro mercado polo centro co obxectivo de ampliar e manter durante todo o ano a pequena horta escolar na que plantan e colleitan as nenas e nenos máis pequenos.
Información sobre os test de autodiagnóstico para a rapazada
Despois de varios días de incertidume, o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde acordou que o regreso ás aulas sexa presencial en todo o Estado. Ao remate da xuntanza celebrada o martes, o conselleiro de Sanidade informou que o seu departamento está centrándose na busca activa de casos de COVID-19 entre aquela poboación cun rango de idade que aínda non conta coa pauta completa da vacinación. Por esta razón, o SERGAS vai ofrecer un segundo test salival gratuíto para a rapazada de 5 a 11 anos, que se pode recoller desde hoxe venres nas farmacias adheridas.
No caso de detectarse un positivo por este método -que agora se acepta como válido sen necesidade dunha segunda proba de contraste-, haberá que gardar corentena (7 días) e notificalo de inmediato no teléfono 881 540 045. Nese teléfono tamén deben comunicarse os positivos de calquera outra persoa -non só rapazada-, ademais dos casos sospeitosos ou con síntomas compatibles coa COVID-19.