Friday 22 de November de 2024

Os Reis xa pasaron por San Sadurniño (pero volverán de madrugada)


Hoxe veñen os Reis Magos e, de feito, por San Sadurniño xa andiveron todo o día. Adiantaron a súa chegada -estaba previsto que baixasen do tren en Silvalonga a iso das 10:00h- pero, segundo informou a Concellaría de Cultura, debido á axenda tan apretada que traían decidiron madrugar e achegarse pola súa conta até a zona urbana a primeira hora da mañá. Primeiro fixeron unha visita fugaz ao Concello, onde as persoas que se encontraban facendo algún trámite puideron velos e parolar con eles pouco despois das 9:30h. Logo achegáronse á EIM A Rolada e remataron a primeira metade da súa andaina no Centro de Día levándolles uns agasallos ás persoas usuarias deste servizo. Xa pola tarde fixeron o propio visitando ás avoas e avós da residencia Suacasa e, para pechar percorrido, atenderon as peticións infantís na Casa da Cultura, a onde chegaron a pé procedentes do pazo consistorial acompañados da música da escola municipal de gaita e percusión.
Tal e como aconsellaron as autoridades sanitarias, a Concellaría de Cultura organizou para os Magos unha recepción estática que nun principio ía desenvolverse na praza do antigo Concello. Ante a ameaza de chuvia o departamento decidíu acertadamente levala para o auditorio, xa que preto das cinco e media da tarde caeu unha intensa treboada que deixaría como pitas a todas as familias asistentes se o acto se tivese celebrado ao aire libre.

Os Reis fixeron a pé o curto traxecto que hai entre o Concello e a Casa da Cultura. Abríndolles o paso viña a agrupación de gaita e percusión da escola municipal, que aínda lle botaría unhas cantas pezas mentres as SS.MM. recibían á cativería no salón de actos.

A cita desenvolveuse dunha maneira moi sinxela. Mamás, papás, nenas e nenos agardaban a súa quenda no recibidor do edificio e ían pasando por familias ou en pequenos grupos para falaren con Melchor, Gaspar e Baltasar.

Ninguén puña apuro e, a diferenza das cabalgatas multitudinarias, na recepción de San Sadurniño a rapazada puido departir o tempo que quixo con cada un dos tres persoeiros. Si, si, cos tres, non con un só, aínda que quizais fose Baltasar o que máis choio tivo por ser o primeiro rei que atopaban os pequenos e pequenas tan pronto como subían pola escaleira do escenario.

Os Magos de Oriente seguiron o guión de todos os anos. Empezaron preguntando polo nome, despois polo comportamento nos últimos 365 días e, tras verificar esa cuestión, pasaron ao realmente importante: as peticións e a recollida de algunha que outra carta de última hora. Incluso se conectaron por videochamada con nenos e nenas que non puideron acudir á Casa da Cultura por estaren gardando corentena debido á COVID-19.

Así que falaban cos Reis todo o que tiñan que falar, as pequenas baixaban pola outra escaleira do escenario e alí mesmo recollían unha bolsiña de lambetadas e máis un pequeno detalle que lles tiña preparado Cultura (esa é outra das vantaxes das recepcións reais nos concellos pequenos). Finalmente saían do auditorio pola porta do antigo ambigú, xa con noite, para ir merendar e deitarse cedo. Porque, que ninguén o esqueza, Melchor, Gaspar e Baltasar pasarán por todas as casas de madrugada e só pararán naquelas en que todo o mundo estea durmindo.

A Concelleira de Cultura, Amparo Calvo, mostrouse moi satisfeita por como se desenvolvera a recepción real, á que acudiron case medio cento de nenas e nenos. “Organizamos un evento sinxelo, minimalista incluso, que cumpriu perfectamente, penso, coas expectativas das nenas e nenos. Puideron ver os Reis Magos sen aglomeracións nin présas e, ademais, levar uns pequenos agasallos. Ás nais e pais parécenos que a rapazada goza máis canto máis grande e vistosa sexa a cabalgata, e é certo que moitas delas lles chaman moito a atención polo espectaculares e fermosas que son. Pero para eles e elas o importante son os Reis, poder velos e falar con eles de preto para convencerse aínda máis da maxia que desprenden. Os concellos pequenos xogamos con vantaxe nese sentido, porque este tipo de encontros de pequeno formato, máis reducidos agora pola situación sanitaria, responden perfectamente ao que as nenas e nenos agardan”.