A comitiva real visitou cinco vivendas con nenos e nenas confinados por mor da Covid ou outro motivo médico
Por segundo ano consecutivo, a choiva volveu facer acto de presenza na celebración de Reis do Concello de Frades, o que motivou que as recepcións de Melchor, Gaspar e Baltasar tiveran que ser trasladadas aos polideportivos de Abellá e Ponte Carreira, onde se puideron desenvolver a cuberto sen ningunha incidencia. A comitiva real estivo acompañada por Papá Pitufo e Mickey e Minnie Mouse.
As familias, previamente inscritas no Concello de Frades, comezaron a chegar ao pavillón de Abellá a iso das 15:30 horas; mentres que en Ponte Carreira, que volveu concentrar o maior número de asistentes, a visita deu comezo ás 17:30 horas. Todos os pequenos levaron unhas lambonadas para casa e, en ambos os dous casos, todas as persoas que participaron na recepción de Melchor, Gaspar e Baltasar utilizaron máscara, mantiveron a distancia social e hixienizaron as súas mans.
Como novidade, este ano a comitiva real visitou tamén a cinco familias con nenos/as confinadas por covid e que non puideron asistir ás recepcións. Melchor, Gaspar e Baltasar aproveitaron para saudalos dende o exterior da vivenda durante o traxecto entre Abellá e Ponte Carreira.