Friday 22 de November de 2024

Os Reis Magos visitan todas as parroquias de Brión repartindo chocolate con rosca


A choiva está a ser unha das protagonistas nas recepcións dos Reis Magos polas parroquias brionesas. Unhas inclemencias que obrigaron a modificar o punto de encontro coas familias, que pasaron de celebrarse ao aire libre a ter lugar nos locais sociais, palcos da música e mesmo baixo unha carpa móbil do Concello de Brión.

A comitiva real, encabezada polo alcalde Pablo Lago Sanmartín, chegou nun autobús de época e cada rei recibiu a cada neno/a por separado e mantendo a distancia social. Cada pequeno levou unha bolsa con lambonadas, mentres que tanto eles como as súas familias desfrutaron tamén dun chocolate con rosca, que se repartía nun food-track que acompañaba á comitiva real.

Canda a comitiva real viaxaba tamén a charanga Os Celtas de Negreira, que puxeron a nota musical mentres as familias agardaban a chegada dos Reis Magos. Durante esta mañá, a comitiva visitou as parroquias de Cornanda, Luaña, Viceso, Ons e Boullón. Para a tarde queda a parte baixa do municipio: Bastavales, San Salvador, Os Ánxeles (con dobre parada no Tremo e no adro da Igrexa) e na praza do Concello de Brión. A veciñanza está a colaborar, mantendo a distancia de seguridade interpersoal en todo momento, utilizando máscara e cunha persoa adulta, máximo dúas, por cada neno/a.