Friday 22 de November de 2024

Os Reis Magos reciben con cita previa a máis de 250 familias de Lousame


Un total de 255 familias de Lousame reservaron este ano cita para seren recibidas na Casa da Cultura Santeiros de Chave polas súas Maxestades Melchor, Gaspar e Baltasar. Unha recepción organizada con todas as medidas anticovid, de modo que cada familia desfrutou dun tempo a soas coas súas maxestades e sen interacción con outros grupos familiares.

Así, dende as 10:00 horas comezou o goteo de visitas, non tan continuo como o da choiva, que unida ao vento marcou gran parte da xornada. As familias accedían pola porta da escola de música onde, despois de hixienizar as mans, eran guiadas á porta dereita do auditorio, onde os agardaba a comitiva real. Despois, a familia saía pola porta esquerda e pola porta principal da Casa da Cultura.

Ao estar valado o circuíto, impedíase a interacción entre os distintos grupos familiares. A pesar de que cada familia tiña un máximo de 10 minutos para estar cos reis, o certo é que a maioría das visitas foron moi curtas, de apenas 3 ou 5 minutos. Cada pequeno levou para casa unha bolsa con lambonadas.

A concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, e o concelleiro de Obras, Ramón Martínez, asistiron durante a mañá ás recepcións, onde comprobaron que todo se facía de acordo cos protocolos anticovid marcados polas autoridades sanitarias.