A Concellaría de Infraestruturas programou este proxecto a raíz dun acordo do alcalde co Club de Leóns da Coruña-Decano
O Concello da Coruña informa da adxudicación do proxecto de renovación integral do tramo urbano da avenida de Alfonso Molina, unha obra na que a Concellaría de Infraestruturas investirá 891.770 euros.
Unha vez analizadas as 11 propostas presentadas, os traballos de acondicionamento do tramo urbano da avenida de Alfonso Molinaadxudicáronse a unha UTE formada por Ogmios Proyecto e Instalacións Eléctricas Coruñesas. O investimento final alcanza os 891.770 euros, o que supón un aforro do 25,5% -305.352 euros- con respecto ao presuposto de licitación, fixado en 1.197.122 euros.
O novo proxecto da Concellaría de Infraestruturas para a mellora urbana, estética e,
de xeito especial, de seguridade do tramo urbano de Alfonso Molina-ao redor de 1,2 quilómetros da avenida entre a rolda de Outeiro eLinares Rivas- permite cumprir
o compromiso adquirido polo alcalde, Carlos Negreira, co Club de Leóns de
A Coruña-Decano.
A mellora da imaxe actual do tramo urbano de Alfonso Molina, cun prazo de execución de 3 meses, responde a tres premisas:
1. Seguridade vial. Abordará a mellora da seguridade vial a través de diferentes actuacións, como a substitución de biondas, a modernización de proteccións laterais e a reposición da sinalización vertical e nos pasos de peóns. Tamén se mellorará o pavimento, especialmente no tramo onde se sitúan as dúas paradas de bus e nos pasos de peóns á altura de Fernández Latorre,
unha medida que se ampliará ao tramo sobre o viaduto que dá acceso a Liñares Rivas.
2. Mobilidade peonil. O proxecto apostará por favorecer a mobilidade peonil grazas á mellora da mediana actual, á continuidade dos percorridos peonís e á instalación de beirarrúas e pasos de peóns. Así, crearanse resaltes sonoros para indicar aos vehículos que é preciso que reduzan a velocidade e crearase un novo paso de peóns na incorporación a Alfonso Molina dende Juan Flórez.
3. Renovación de elementos urbanos. Incidirase na substitución da iluminación e das varandas, entre outras cuestións. A avenida contará cunha iluminación máis urbana e con luminarias máis eficientes. Ademais, o viaduto sobre Alfonso Molina que conecta a rúa Santa Lucía con Juan Flórez dotarase dunha iluminación que resalte a imaxe desta zona como porta de entrada á cidade.