Friday 22 de November de 2024

Melchor, Gaspar e Baltasar xa andan por San Sadurniño


Hoxe veñen os Reis Magos e, de feito, xa andan por San Sadurniño. Adiantaron a súa chegada -estaba previsto que baixasen do tren en Silvalonga a iso das 10:00h- pero, segundo informou a Concellaría de Cultura, debido á axenda tan apretada que lles espera esta xornada, decidiron madrugar e achegarse pola súa conta até a zona urbana a primeira hora da mañá. Primeiro fixeron unha visita fugaz ao Concello, onde as persoas que se encontraban facendo algún trámite -e tamén algún neno que as acompañaba- puideron velos e parolar con eles pouco despois das 9:30h. Porén, o seu percorrido de ilusión comezou unha hora despois achegándose á escola infantil municipal A Rolada.

As meniñas e meniños da EIM recibiron ás SS.MM. na zona de xogos, mantendo en todo momento a separación cos Magos. Iso non lles impediu, porén, falar con eles con caras de ledicia e sorpresa a partes iguais, aínda que tamén houbo algún que outro choro.
Despois de escoitar as peticións da rapazada, Melchor, Gaspar e Baltasar desprazáronse ao Centro de Día para deixarlles algúns agasallos ás avoas e está previsto que fagan o propio a primeira hora da tarde na residencia de persoas maiores Suacasa, situada en Silvalonga.
A xornada completarase coa benvida oficial que se lles brindará na praza do antigo Concello ás 17:00h. A chegada dos Reis virá acompañada pola música da escola municipal de gaita.

Segundo informa a Concellaría de Cultura, a recepción trasladaríase á Casa da Cultura no caso de que chovese. Nese caso marcarase un percorrido de entrada e saída que lles permitirá aos nenos e nenas ver aos Magos de preto, falar con eles e recoller os tradicionais caramelos gardando en todo momento a separación interpersoal.

O departamento de Cultura tamén lembra que hoxe poderá visitarse por última vez nestas festas o Nacemento montado por Marián Arroyo e outras veciñas e veciños de San Sadurniño. O espectacular Belén ocupa máis de 20 metros cadrados dun dos laterais do patio interior da Casa do Concello. Estará aberto entre as 16 e as 20:00h.