A comitiva real visitará as vivendas da rapazada confinada por mor da Covid ou calquera outro motivo médico
O Concello de Frades informa de que a visita dos Reis Magos ao municipio deste mércores 5 de xaneiro se desenvolverá de acordo aos protocolos de seguridade anti-covid, polo que será imprescindible anotarse previamente na Casa do Concello ou chamando ao 981 695 567. A comitiva real fará dúas paradas: unha ás 15:30 horas na praza do centro de saúde de Abellá e outra ás 17:30 horas na praza de Ponte Carreira. En caso de choiva, os puntos de encontro serían os polideportivos municipais de Abellá e Ponte Carreira.
En ambos os dous casos é necesario que todas as persoas que participen na recepción de Melchor, Gaspar e Baltasar utilicen máscara, manteñan a distancia social e hixienicen as súas mans. No caso de nenos ou nenas que estean confinados/as por culpa da Covid ou calquera outro motivo e non poidan asistir a ningunha das recepcións, as familias poden deixar aviso e dirección no Concello e a cabalgata de Melchor, Gaspar e Baltasar faralles unha visita para saudalos dende o exterior das casas.