Friday 22 de November de 2024

O Concello fomenta a economía circular e o consumo responsable coa Casa dos Xoguetes, receptora de máis de 7.500 útiles nesta campaña de Nadal


O prazo de doazóns rematará este mércores, día 5, tras case dous meses de actividade na sede situada na praza do Mestre Mateo

A Oficina Municipal de Información ás Persoas Consumidoras encara a recta final da campaña de Nadal da Casa dos Xoguetes, unha iniciativa do Concello con varios anos de traxectoria que busca impulsar a economía circular e o consumo consciente e responsable, alongando o ciclo de vida dos recursos e incentivando a súa reutilización.

O prazo de entrega de xoguetes, que comezou o pasado día 10 de novembro, remata este mércores, día 5 de xaneiro, tras case dous meses de actividade. As instalacións da Casa dos Xoguetes, habilitadas este ano na praza do Mestre Mateo, número 9, estarán abertas para as persoas interesadas na entrega de útiles entre hoxe, martes 4 (10.00 a 19.00 horas, ininterrumpidamente) e mañá, mércores 5 (10.00 a 21.00 horas, ininterrumpidamente).

Dende o comezo da campaña, o Concello da Coruña recibiu un total de 7.567 xoguetes aptos para a súa reutilización: 7.448 usados e en bo estado de conservación; así como outros 116 totalmente novos. De todos eles, foron xa entregados 6.521, un 82 % do total.

Quedan, así, 1.046 útiles aínda por repartir na Casa dos Xoguetes tras esta campaña de Nadal.

Xoguetes destinados a nenas e nenos de ata 14 anos
As persoas interesadas en levar xoguetes ás instalacións da Casa dos Xoguetes poden entregalos gratuitamente durante as datas e horas de apertura da tenda. Os útiles están destinados a nenas e nenos, de ata 14 anos, e deben cumprir as medidas de seguridade e etiquetado da Comunidade Europea (CE).

Ademais, deben estar limpos e en bo estado. Neste sentido, só se admitirán un máximo de dez xoguetes por parte de persoas individuais.

Os interesados na recollida de xoguetes poderán solicitar á tenda os útiles que desexen dos dispoñibles, ata un máximo de dez por persoa.

As características dos xoguetes que se recollen na Casa
Para que estas máis de 7.500 doazóns fosen aceptadas, os xoguetes tiveron que cumprir unha serie de características:
● Ser produtos deseñados ou previstos para ser utilizados con fins lúdicos por nenas e nenos menores de 14 anos.
● Se tiver mecanismos, deben funcionar perfectamente; e, se teñen pezas, deberán estar completos.
● Deben reunir boas condicións de hixiene e ser seguros.
● Preferentemente deben apartarse do belicismo ou dos estereotipos de xénero. E ademais valórase positivamente que sexan sostibles e non consuman pilas