Friday 22 de November de 2024

A distancia de seguridade e o uso de máscara serán obrigatorios en todo momento durante a Cabalgata de Reis deste mércores, 5 de xaneiro


Inés Rey: “Pouco a pouco, esta celebración volve a ser a de hai un par de anos, mais aínda seguen sendo unhas festas nas que o máis importante, por riba de todo, é a saúde”

A alcaldesa, Inés Rey, apelou hoxe ao sentido común e a responsabilidade da cidadanía para que as coruñesas e coruñeses poidan gozar da Cabalgata de Reis deste mércores, 5 de xaneiro, con normalidade e cumprindo en todo momento as recomendacións sanitarias emitidas polas autoridades no contexto desta sexta vaga de Covid-19.

Durante a cabalgata, que sairá desde o aparcadoiro da Sardiñeira, no barrio dos Mallos, ás 18.00 horas, e chegará á praza de María Pita ás 20.30 horas tras un percorrido de dúas horas e media de duración, será imprescindible o uso de máscara, obrigatoria en todo momento para os asistentes, así como o mantemento da distancia de seguridade. Para reforzar o dispositivo de medidas de prevención, as instrucións sanitarias comunicaranse, periodicamente, por megafonía.

Neste sentido, a alcaldesa instou a seguir as indicacións do persoal da organización da Cabalgata de Reis en todo momento. “Pouco a pouco, esta celebración volve a ser a de hai un par de anos, pero aínda seguen sendo unhas festas nas que o máis importante, por riba de todo, é a saúde”, expresou Inés Rey.

Haberá, en total, catro espazos de accesibilidade postos á disposición da cidadanía, repartidos entre a praza de María Pita, ao lado da Autoridade Portuaria (rúa Ambrosio Feijóo), a praza de Ourense e na avenida Alcalde Pérez Ardá, fronte a estación de autobuses. En todos eles, ademais, estableceranse puntos de atención sanitaria ante posibles incidencias.

Tamén haberá, a maiores, dous espazos de baixa incidencia acústica, repartidos entre a rolda de Outeiro e ante o Teatro Colón.

Por outra banda, o acceso á praza de María Pita, ao remate do traxecto, terá capacidade limitada e haberá preferencia para as nais e pais dos nenos participantes no desfile, que contará con 180 figurantes.

Alteracións do tráfico durante a xornada da Cabalgata
Polo paso das carrozas, trens e compañías artísticas que integran a Cabalgata de Reis, o Concello da Coruña prevé diversas alteracións do tráfico nas rúas adscritas ao percorrido
deste ano, alteracións que comezarán ás 17.45 horas por tramos e que, de forma dinámica, irán recuperando a normalidade a medida que avance a cabalgata rumbo a María Pita.

No primeiro tramo, na avenida da Sardiñeira, cortarase o paso ao tráfico de vehículos motorizados en ámbalas dúas marxes, desde o paso de peóns do edificio Aliko ata o final da rúa, no colexio José Cornide; tamén no segundo tramo, pola marxe dereita en dirección á praza de San Cristovo, ata a parada de autobús que hai fronte ao edificio de Correos.

Xa na rúa Alcalde Pérez Ardá, na marxe dereita, haberá cortes de tráfico desde a rolda de Outeiro ata o edificio de El Corte Inglés, no sentido de avenida de Monelos – Ramón y Cajal.

A continuación, xa en Ramón y Cajal, haberá alteracións do tráfico no tramo comprendido entre a rúa Alcalde Marchesi e a avenida do Exército, na marxe dereita no sentido que vai do edificio de El Corte Inglés ata a Casa do Mar. Tamén na avenida do Exército, está previsto o corte de tráfico no lateral do edificio da Audiencia Provincial.

Ademais, haberá alteracións do tráfico na avenida Primo de Rivera, desde o viaduto ata o enlace co carril bici pola vía en dirección á saída da cidade.