Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño adxudica en 161.634,58 euros o saneamento de Silvalonga e Piñeiros


A Plataforma de Contratación co Sector Público recolle desde hai uns días a resolución coa adxudicación definitiva do contrato de obras da nova rede de saneamento público que conectará Silvalonga coa EDAR de Cornide baixando por Piñeiros, preto do límite entre San Sadurniño e Narón. Dos traballos, que previsiblemente comezarán tralas vacacións de Nadal e Reis, encargarase a construtora ourensá Hordescon S.L. por un importe de 161.634,58 euros, 18.000 por debaixo do prezo de licitación. O Concello de asume o proxecto con fondos propios procedentes dos remanentes de Tesouraría cos que pechou a conta municipal de 2020.

A obra iniciarase á beira da estrada provincial en Silvalonga e baixará por Piñeiros ata chegar á EDAR de Cornide, estendendo no camiño 5 ramais de conexión para as vivendas máis afastadas da pista municipal. En conxunto son case 2 quilómetros de canalizacións soterradas e 46 pozos de rexistro que recollerán as augas residuais de máis dunha vintena de domicilios situados na súa maioría nesa zona lindeira con Narón -que recentemente acometeu un proxecto similar- e tamén no núcleo da Portela.

Case todo o trazado discorrerá polas cunetas das vías do Concello a unha profundidade media de 1,5 metros, aínda que tamén hai puntos concretos onde se deberán tocar tramos de pista e beirarrúas. De feito, no proxecto tamén se contempla que ao remate dos traballos hidráulicos se aproveite para reasfaltar o percorrido.

Un dos grandes retos técnicos do proxecto é sortear a liña do ferrocarril. O Concello xa obtivo a autorización de ADIF para pasar as tubaxes por debaixo da vía sen interferir no tránsito dos trens. Para esa parte do traballo a empresa utilizará unha máquina especial, capaz de perforar en ángulo e describindo unha parábola invertida a varios metros de profundidade.

O investimento alcanzará os 161.634,58 €, IVE incluído, correspondentes ao prezo presentado por Hordescon S.L. no proceso de licitación aberto polo Concello o pasado mes de setembro. Tal e como se establece nos pregos, a obra deberá completarse no prazo máximo de 5 meses. Agárdase que os traballos comecen en cuestión de días, unha vez que finalicen as vacacións do Nadal e Reis, e que estean rematados nas primeiras semanas da primavera.

O proxecto financiarase integramente con fondos municipais “despois de máis de dez anos esperando a que a Consellaría de Medio Ambiente cumprise o acordo que alcanzou con nós en tempos do Bipartito”, comenta Secundino García. O rexedor recorda a este respecto que o departamento autonómico -a través da Administración Hidráulica de Galicia- se comprometera por escrito en 2008 a asumir integramente as obras e que, tralo cambio no Goberno da Xunta, o proxecto “quedou gardado nun caixón”.

“Houbo varias xuntanzas nestes últimos anos e demandas reiteradas que non obtiveron unha resposta clara por parte de Augas de Galicia. Todo este tempo foise en pedirnos documentación e en repetirnos unha e outra vez que ían revisar o proxecto. Pero de cumprir o acordado, nada de nada. Por iso decidimos levar adiante a obra en solitario”, aclara García.

A nova rede levará as augas residuais até a EDAR de Cornide, onde recentemente tamén finalizaron varios traballos de mellora, executados nese caso pola empresa Kastel Ingeniería co obxectivo de incrementar a súa eficiencia e adaptar as instalacións para automatizar distintos procesos, ademais de implantar un sistema que agora permite monitorizar e xestionar o seu funcionamento de maneira remota. Neste caso si se contou con colaboración autonómica, que achegou unha subvención de 49.862,15 euros para modernizar a depuradora.