Rivas considerou no seu momentos a posta en marcha dun proxecto para a captación, almacenamento e distribución de produtos básicos entre as persoas máis vulnerables
Cambre inaugurou esta mañá a Despensa Municipal de Alimentos, que xestionarán, como o viñeron facendo ata o momento, os voluntarios. O alcalde de Cambre, Manuel Rivas, agradeceu en primeiro lugar a estes voluntarios o seu compromiso e a súa dedicación a este proxecto, xa que permiten dar unha atención directa e rápida a aqueles veciños que están nunha situación de maior necesidade unha cifra que lamentablemente segue crecendo, polo que é aínda máis vital que nunca o seu papel nesta iniciativa”.
Este novo local será o espazo onde centralizar e xestionar os diferentes produtos e as doazóns que, posteriormente, se reparten entre as familias máis vulnerables. Rivas tamén tivo palabras de recoñecemento para os voluntarios que xestionan a horta ecolóxica, que nutre de produtos frescos a esta despensa. E finalizou o seu discurso agradecendo ás asociacións de veciños e particulares que se “envorcaron nas campañas de recollida de alimentos que se organizaron dende Servicios Sociais”. Recordou, ademais, que o proxecto xurdiu en 2012 nun pequeno espazo no departamento de Servizos Sociais, que posteriormente se desprazou ata o campo de fútbol Dani Mallo de forma provisional.
“Hoxe o proxecto que xurdiu hai máis de dous anos consolídase coa posta en marcha deste local que albergará todo tipo de alimentos de primeira necesidade, e mesmo de conxelados coa adquisición dun almacén frigorífico”, apuntou o primeiro edil. O novo local está situado nos baixos municipais da Barcala, anexo ao espazo cedido á Cruz Vermella e alí os voluntarios do concello e os técnicos de Servizos Sociais garantirán que os alimentos cheguen o antes posible ás familias que máis o necesitan.
Por outro lado, Rivas agradeceu aos técnicos de Servizos Sociais a súa implicación o proxecto e ao Banco de Alimentos Rías Altas co que existe un convenio de colaboración para a recepción de novos alimentos.
Os datos achegados polos técnicos de Servizos Sociais confirman a importancia deste servizo, e é que en 2014 a Despensa repartiu case 30.000 quilos de comida. Atendéronse a un total de 282 familias perceptoras de alimentos, o que supuxo alcanzar a cifra de 796 persoas beneficiarias directas. A Despensa Municipal de Alimentos xestiónase dende o departamento de Servizos Sociais atendendo de forma xeral aos requisitos marcados na ordenanza reguladora de Medidas de apoio á inserción socio-familiar para persoas que participen no programa de intervención familiar. Son as traballadoras sociais e a coordinadora de Servizos Sociais de Cambre os que valoran, sobre a base desta ordenanza, que familias ou persoas acceden como usuarias á Despensa Municipal de Alimentos. En canto á organización interna da despensa: recepción de alimentos, clasificación de alimentos, envasado e elaboración de paquetes de alimentos, campañas de recollida e entrega dos alimentos, xestiónase a través do programa municipal de voluntariado en coordinación co departamento de Servizos Sociais. A Despensa municipal conta con 7 persoas voluntarias que abren o local de luns a venres de 10:00 a 12:00 horas.