Friday 22 de November de 2024

A Biblioteca da Xunta na Coruña celebra en xaneiro o Día da Persoas Usuarias


— Haberá visitas guiadas e unha mostra bibliográfica arredor desta data sinalada no Calendario do libro e da lectura de Galicia, ademais do nomeamento dos socios e socias de honra

— O Día da ilustración é outra das conmemoracións previstas para o mes, con actividades infantís e unha mostra

A Biblioteca Pública da Xunta na Coruña Miguel González Garcés celebra o 11 de xaneiro o Día das persoas usuarias con diversas actividades arredor desta data sinalada no Calendario do libro e da lectura de Galicia, como visitas guiadas, unha mostra bibliográfica e o nomeamento de socios e socias de honra. O Día da ilustración é outra das conmemoracións que marca a axenda de xaneiro, con propostas para o público infantil. A información sobre as actividades, que requiren de inscrición previa, pode consultarse na web do centro bibliotecario.

Así, na xornada do 11 ás 12,00 horas haberá visitas guiadas para coñecer as instalacións, os servizos e as coleccións da biblioteca. Nesa mesma data nomearanse socias e socios de honra as tres persoas tanto de público infantil coma adulto que levasen máis préstamos ao longo de 2021. En recoñecemento, durante 2022 e ata o seguinte Día das persoas usuarias poderán retirar un maior número de obras. A celebración complétase cunha mostra bibliográfica dos libros máis prestados durante este ano, que permanecerá ata o 15 de febreiro.

Por outra banda, no marco do Día da ilustración, instaurado pola Xunta cada 30 de xaneiro en conmemoración do nacemento de Castelao, a biblioteca da Coruña programou para o día 28 ás 19,00 horas o obradoiro creativo de ilustración Laboratorio Zoo-Ilóxico, impartido por María Lires para participantes de seis a 12 anos. A cativada de 3 a 8 anos gozará tamén dunha actividade específica co contacontos O rato ilustrador, da man de Trinke Trinke, o sábado 29 ás 12,00 horas. A mostra bibliográfica Dar cor á biblioteca, cunha selección de libros e álbums ilustrados de artistas de Galicia, é outra das propostas previstas ao abeiro desta data. Poderá visitarse ata o 31 de xaneiro.

Espectáculos todos os sábados
A maiores disto, o público infantil terá sesións todos os sábados ás 12,00 horas. O día 8 serán protagonistas os contos en lingua de signos a cargo da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia. Na xornada do 15 chegará Paco Nogueiras e o espectáculo musical Brinca vai! De aquí a acolá, dirixido a nenos e nenas de 4 a 8 anos. Por último, o 22 será a quenda dos bebés de ata 3 anos co bebecontos Caballito Hop! da man de Soledad Felloza.

Para o público adulto organizáronse sesións de achegamento á cultura oral, impartidas pola voluntaria cultural Michelle Tatiana Nieves Cáceres. Nelas leranse mitos e lendas das culturas galega, española e latinoamericana, e realizarase un fanzine. O obxectivo é afondar na memoria física utilizando a manualidade como lenzo transmisor de coñecemento. A actividade terá lugar os días 11, 13, 18, 20,25 e 27 de 16,00 a 17,30 horas.

Ademais, seguen as sesións do obradoiro de escrita creativa impartido por María Jesús Molina, que en xaneiro terán lugar os venres 14, 21 e 28 ás 11,00 horas. Tamén continúan as visitas guiadas, os martes e os xoves ás 12,00 horas, para o público xeral e ás 10,00 e ás 12,00 para escolares, así como a formación sobre a utilización dos servizos e recursos da biblioteca, os mércores 12 e 19 de xaneiro ás 16,00 horas. Os diferentes clubs de lectura son outras actividades regulares. A eles é posible apuntarse a través do

Facebook da biblioteca.
Canto ás mostras bibliográficas, na primeira semana do mes permanecen as escolmas de publicacións arredor do Nadal Un Nadal de libros e Carta aos Reis Magos.