Friday 22 de November de 2024

O Concello unifica os contratos da limpeza dos edificios municipais para mellorar as condicións laborais de 292 empregadas e empregados


A XGL aprobou a licitación deste servizo, ao que se destinarán 21 millóns de euros durante cinco anos

José Manuel Lage: “Este goberno ten a intención de aplicar ditas melloras para axudar a dignificar esa profesión con condicións que faciliten a vida das persoas”

A Xunta de Goberno Local extraordinaria celebrada este venres 31 de decembro aprobou a licitación do novo contrato de limpeza dos edificios municipais e do IMCE. Este servizo contará un orzamento de 21.344.292 euros, 5.532.766 euros ao ano durante cinco anos.

O obxectivo deste novo contrato é establecer unhas condicións de traballo semellantes para todo o persoal da limpeza, contribuíndo a dignificar unha actividade na que abundan os contratos temporais e por horas, e garantindo así unha maior calidade no emprego. Ata o de agora a prestación levábana a cabo distintos servizos con criterios e condicións moi dispares, primando o prezo e ofrecendo condicións de escasa calidade laboral, moita temporalidade e contratos a tempo parcial ou por horas aos empregados e empregadas.

“Non se trata só de mellorar o servizo público de limpeza que actualmente se presta cunha grande disparidade de criterios, trátase de darlle ao colectivo da limpeza unhas condicións de traballo máis dignas e máis xustas, para evitar abusos e para garantir, tal e como nos pediu a nosa alcaldesa, Inés Rey, que as persoas que traballan nese ámbito o fagan coas mesmas garantías e calidade laboral que noutros sectores”, sinalou o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interno, José Manuel Lage Tuñas.

Todos eses contratos pasan a estar agrupados agora en 11 lotes con 292 traballadores e traballadoras. A licitación permite un máximo dun lote por licitador, cuestión pensada para permitir ás pequenas e medianas empresas poder optar a este servizo. O persoal actual quedará subrogado neste novo contrato e os pregos establecen que polo menos un 2% dos traballadores e as traballadoras ten que ser menor de 30 anos en situación de desemprego, co obxectivo de axudar a dito colectivo cun alto índice de desemprego. Tamén se impulsará a igualdade contratando ao 50% de homes e o 50% de mulleres.

Esixirase tamén que o 50% dos empregados teñan contratos indefinidos e primarase que se ofreza traballo a tempo completo. As adxudicatarias terán a obriga de responder dos posibles salarios non
pagados que podan ter as prestatarias dos servizos ata agora.

Ademais, os novos pliegos especifican que as empresas terán que empregar produtos ecolóxicos para realizar a súa tarefa, e reserva tamén un dos lotes para o control de calidade da actividade. “O colectivo da limpeza era un dos grandes olvidados na aplicación de melloras laborais, e o Goberno de Inés Rey ten a intención de aplicar ditas melloras para axudar a dignificar esa profesión con condicións que faciliten a vida das persoas”, indicou Lage Tuñas. Este novo contrato ven precedido dun acordo entre sindicatos e patronal no que intercedeu o propio goberno municipal.

XGL
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local tamén aprobou a liña de financiamento que permitirá, entre outras cuestións, a humanización do Paseo Marítimo da Coruña. Esta operación obtivo o visto bó no pleno ordinario de decembro, cumprindo agora trámite para poder licitar, entre outros, este proxecto, que ten por obxectivo naturalizar a contorna marítima da cidade na liña da política levaba a cabo polo Goberno de Inés Rey de gañar espazos para a cidadanía.