Esta actuación urbanística enmárcase nos obxectivos do plan Hurbe e consistirá na creación dun novo parque público no núcleo rural de Coirós de Abaixo
A Xunta de Galicia acaba de formalizar o contrato correspondente ás obras de humanización de espazos públicos no núcleo rural histórico-tradicional e común de Coirós de Abaixo. A adxudicación realizouse por un importe de 87.792 euros á empresa Canarga S.L. e o prazo de execución estimado para completar os traballos é de dous meses.
O obxecto da actuación é crear un parque público con intervencións destinadas a habilitar accesos en rampla, mellorar e poñer a nivel os pavimentos, dotar a zona de axardinamento, e instalar mobiliario urbano e alumeado. A tal fin levarase a cabo unha limpeza de vías, cunetas e espazos públicos, mellorarase a evacuación de augas pluviais e eliminaranse as barreiras arquitectónicas.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asumirá o 70% do custo das obras e o Concello achegará o 30% restante, tal e como figura no convenio subscrito o pasado mes de setembro entre a conselleira Ángeles Vázquez e o alcalde Francisco Quintela para fixar os termos da súa colaboración técnica e económica nesta obra.
Cómpre lembrar que as obras de humanización a realizar en Coirós de Abaixo se enmarcan no chamado plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta hai máis dunha década co fin de axudar ás entidades locais a executar diferentes proxectos urbanísticos destinados á creación, mellora e humanización de infraestruturas de uso público e colectivo.
Neste sentido, cómpre subliñar o compromiso do Goberno galego á hora de brindar apoio aos concellos co fin de promover actuacións que, como a que se vai executar en Coirós, contribúan a dinamizar as vilas galegas e a mellorar a calidade de vida dos seus veciños.
Por esta razón, a Consellería manterá esta liña de cooperación cos concellos tamén este ano, reservando nos seus orzamentos 7 millóns de euros para actuacións dirixidas a habilitar ou recuperar equipamentos municipais e poñer en valor as contornas urbanas.