O Concello de Brión instalou dous redutores de velocidade na estrada que comunica as localidades de Cirro e Gándara, na parroquia de San Salvador de Bastavales. Trátase dunha estrada municipal que discorre paralela á AC-300, Os Ánxeles-A Picariña, e cun trazado practicamente recto, polo que os vehículos alcanzan grandes velocidades na zona, que é bastante concorrida tanto polas vivendas da contorna como pola cercanía do campo de fútbol da Gándara.
O alcalde de Brión, Xosé Luís García, indica que “se trata dunha actuación que mellorará a seguridade viaria desta estrada, tal e como aconteceu na recta de Bastavales, onde conseguimos que os vehículos reduciran as velocidades ás que circulaban, sobre todo naquelas zonas limitadas a 50 quilómetros por hora”. Esta é a segunda estrada na que o Concello de Brión autoriza a instalación deste tipo de redutores de velocidade, despois do éxito acadado polos seis colocados tamén na parroquia de Bastavales o pasado mes de outubro, entre Bastavaliños e o límite con Rois.