No marco do pacto para a creación dun operador enerxético municipal, o Concello tamén asumirá a creación dunha Oficina de Asesoramento Enerxético á veciñanza
A Xunta de Goberno Local fíxolle esta semana a encarga á empresa municipal Emalcsa de elaborar un Mapa de Enerxías Renovables para identificar que lugares da cidade son axeitados para a xeración enerxética limpa. Ademais, o Concello da Coruña asume o traballo para crear unha Oficina de Asesoramento Enerxético. Ambas cuestións forman parte do acordo entre o goberno municipal e o grupo da Marea Atlántica para a posta en marcha dun operador enerxético municipal.
Así, o Mapa de Enerxías Renovables estudará, dentro do termo municipal, as equipamentos e espazos tanto públicos coma privados con maior potencial de xeración de enerxía e que poidan albergar equipos de produción eólica, solar, hidráulica ou outras formas de enerxía renovable, coma o biogás que xa se produce na EDAR Bens.
O portavoz do goberno municipal, José Manuel Lage, sinalou que: “O goberno municipal ten o compromiso de apoiar e impulsar as enerxías limpas e alternativas, e tamén de contribuír a facilitar ás persoas con menos recursos o acceso a enerxía”
Para María García, voceira da Marea Atlántica, “damos un paso moi relevante para que o Concello da Coruña gañe soberanía e cubra coa súa propia produción dunha enerxía verde, renovable e libre de CO2 e, moi especialmente, achegada ao lugar onde se consume. Esta proximidade mitiga en gran medida o impacto medioambiental, xa que tamén aproveita espazos urbanizados e contribúe a aforrar custos. A posibilidade de expansión nesta liña de traballo é enorme”.
Emalcsa ten a encarga de elaborar este mapa no prazo dun ano, con recursos propios, e ao tempo que traballa na posta en marcha do operador enerxético municipal. Nun momento no que o prezo da luz bateu 27 veces a súa propia marca desde o mes de xullo e as grandes eléctricas acumulan beneficios, mentres a xente pasa frío na súa casa, é importante que as administracións públicas interveñan e recuperen capacidade de actuación.
Neste sentido, e tamén no marco deste acordo coa Marea Atlántica, o goberno local asume a creación en 2022 dunha Oficina de Asesoramento Enerxético que axude á veciñanza da Coruña en cuestión de tarifas, subvencións e axudas, autoconsumo e protección de persoas en situación de vulnerabilidade, ademáis de organizar campañas informativas nos barrios.
Colaborará coa Oficina Municipal de Información ao Consumo (OMIC), ampliando o excelente traballo que xa realiza e contribuíndo á loita contra a pobreza enerxética.