A Concellaría de Cultura suspendeu o percorrido dos paxes polas parroquias do luns e martes pero mantén a recepción real do mércores pola tarde, que terá lugar na praza do antigo Concello ás 17:00h
Vaia por diante que non hai por que preocuparse: os Reis Magos de Oriente van pasar por San Sadurniño o día 5 de xaneiro e a rapazada poderá velos e falar con eles, aínda que sexa gardando as distancias. Porén, debido á situación sanitaria, o Concello decidiu suspender as actividades organizadas para o luns e martes, cando estaba previsto que un grupo de paxes e outros persoeiros do Nadal percorresen os locais sociais das distintas parroquias para recolleren as cartas da rapazada, ademais de convidar á veciñanza a merendar chocolate con roscón. A área de Cultura optou por non levar a cabo esa parte da programación da recta final das festas, aínda que -volvemos insistir- os Reis Magos si andarán por San Sadurniño na xornada do mércores 5.
Chegarán ás 10 da mañá á estación de Silvalonga e, deseguido, visitarán a Escola Infantil Municipal e o Centro de Día na compaña das pandereteiras da escola municipal. Logo farán un pequeno descanso e a primeira hora da tarde tamén se achegarán á residencia A Súa Casa -16:00h.- para levarlles agasallos ás avoas e avós, ademais de botarlles unhas panxoliñas coa colaboración do grupo de Cantos de Taberna.
Non haberá cabalgata nin o itinerario polo territorio do Nadal pasado, pero si unha recepción “estática” aos Reis Magos que se celebrará ao aire libre ás 17:00h na praza do antigo Concello. Se viñese mal tempo o encontro trasladaríase á Casa da Cultura, situada a tan só uns metros.
Melchor, Gaspar e Baltasar presentaranse diante da rapazada e as familias ao son da agrupación da escola de gaita e percusión. A cativería poderá formularlles peticións e facer fotos con eles mantendo a distancia de seguridade. Ademais, desde o Concello lémbraselles ás familias a obriga de gardar a separación interpersoal entre non conviventes e a do uso correcto da máscara a partir dos 6 anos, tamén no exterior.
Últimos días das festas do Nadal
A visita dos Magos de Oriente a San Sadurniño daralle paso a unha noite de maxia e ilusión en que as pequenas e pequenos deberán recollerse e deitarse ben cedo. O xoves 6 será día de rebumbio nas casas desenvolvendo agasallos e brincando con eles. Ademais, no caso do noso Concello, a cativería poderá estirar o goce dos xoguetes durante outros tres días máis, xa que o venres 7 é festivo local e despois xa se empata coa fin de semana.
Os dous últimos estalos das festas serán a entrega dos premios do certame “Engalana o teu Concello” -o sábado 8 ás 12:00h na Casa da Cultura- e a posibilidade de visitar o Nacemento instalado no patio do Pazo, algo que poderá facerse este domingo 2 de xaneiro pola mañá -de 11 a 14:00h- e desde o luns até o mércores nos horarios de atención ao público das oficinas municipais. A última oportunidade será na tarde do 5 de xaneiro, día en que o Belén montado por Marián Arroyo e outra veciñanza estará aberto desde as 16 ata as 20:00h.