Adaptándose á actual situación sanitaria, o Concello da Pobra do Caramiñal configura a visita de Melchor, Gaspar e Baltasar no 5 de xaneiro a través de dous formatos. Dunha banda, as súas maxestades os Reis do Oriente chegarán a tódalas parroquias do termo municipal seguindo a mesma dinámica do pasado ano. A saída está programada para as 14.45 e o remate para as 18.00 horas, aproximadamente. Posteriormente, na praza Alcalde Segundo Durán recibirán aos nenos e nenas dunha maneira ordenada e segura. Será a partir das 18.00 horas e resulta preciso anotarse. Para tal fin, habilítase dende hoxe mesmo o seguinte formulario online: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLScOktLBDkwWWOaqrvZgWD1lS8IIFTCk7AQLPMnJdjt0OPxZBg/viewform. Ademais, dende o 3 ao 4 de xaneiro poderá facerse a través do teléfono de contacto 981843280, marcando a extensión 2035 (dende as 10.00 ata as 14.00 horas). Unha vez realizada a inscrición, deberase ir recoller a entrada física á propia oficina de Turismo, situada na Casa Mariñeira (en horario de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.30 horas).
Co obxectivo de evita-las aglomeracións, existen 5 tramos para a visita a Melchor, Gaspar e Baltasar, cunha fila de 30 crianzas por cada Rei Mago cada media hora. Outorgarase a hora á que se debe asistir en función do Rei do Oriente ao que desexen visitar. Deberase acudir no momento no que marque a cita, nin antes nin despois.
En caso de climatoloxía adversa, a recepción trasladarase ao CEP Salustiano Rey Eiras.
Darase información máis detallada en próximas datas.