Saturday 16 de November de 2024

O Show dos Pallasos doa corenta caixas de alimentos achegadas por Indalsu para as familias sen recursos de Padrón


As achegas foron recollidas pola concelleira de Participación Cidadá, Carmina Bustelo

O Concello de Padrón vén de recibir corenta lotes de alimentos doados polo Show dos Pallasos, que serán distribuídos entre as familias máis desfavorecidas do municipio. Uns produtos que foron entregados por Elías Sanmarco, responsable do Show dos Pallasos e promotor desta iniciativa solidaria, á concelleira de Participación Cidadá padronesa, Carmina Bustelo, quen estivo acompañada por voluntarios de Protección Civil de Padrón.

Carmina Bustelo Rial agradeceu “a iniciativa solidaria posta en marcha por Elías Sanmarco, así como a colaboración de todas as empresas e persoas que farán máis levadeiras e doces estas datas para familias en situación de vulnerabilidade e con menores ao seus cargo”.

Todos os produtos entregados hoxe en Padrón foron doados pola empresa Indalsu e recollidos por Protección Civil de Padrón. Inclúen unha serie de produtos pensados especialmente para edulcorar o Nadal aos máis pequenos: turrón, bombóns, zumes, galletas… entre outros. Os corenta lotes serán distribuídos nas próximas horas entre outras tantas familias en situación de vulnerabilidade e con menores ao seu cargo de Padrón.