Friday 22 de November de 2024

Unha trintena de composicións decoran distintos puntos de San Sadurniño durante este Nadal


Publicados os premios do certame “Engalana o teu concello”

O Concello de San Sadurniño volveu lanzar a principios deste mes de decembro a convocatoria para que toda a veciñanza e os negocios do municipio decorasen durante o Nadal casas, escaparates e mesmo espazos públicos. O obxectivo era triplo. Por unha banda engalanar o territorio para que lucise rechamante e festivo nestas datas, por outra crear un ambiente alegre en tempos ben complicados e, en terceiro lugar e non menos importante, recompensar o esforzo e a creatividade cunha chea de premios que se fixeron públicos neste xoves véspera de Anovello. Falamos do certame “Engalana o teu concello”, no que este ano participaron 29 composicións, a maioría delas adobiando vivendas, aínda que tamén houbo establecementos que atenderon o chamamento e contribucións de particulares que prepararon distintos puntos do municipio.

O Concello publicou no Facebook unha galería fotográfica con todas as imaxes enviadas, que foron a principal referencia para que o xurado puidese facer as súas valoracións. Diso encargáronse Sofía López Coira, María López e Carla Formoso, as tres relacionadas profesionalmente co mundo da decoración, o deseño e a creación.

Mirando as fotos atopamos múltiples elementos comúns, na liña da recomendación do certame de reutilizar materiais e poñerlle imaxinación para reflectir escenas propias do Nadal apostando pola reciclaxe de calquera cousa que se tivese pola casa.

Así, vese que a madeira, os bimbios, as pinas e outra materia prima vexetal tiveron un protagonismo indiscutible, reconverténdose en renos, estrelas, árbores, apalpadores, “papanoeles”, elfos, bonecos de neve e outras figuriñas fabricadas a partir de toradas e carabullos ou botando man de táboa e serra de calar.

En canto aos temas elixidos tamén hai moita variedade. Na colección xúntanse reproducións dos tradicionais Nacementos -chaman a atención o da área recreativa de Santa Mariña ou o que hai ao pé da igrexa de Igrexafeita- con outras de chegada máis recente procedentes da cultura nórdica e anglosaxona, con especial querencia polo Santa Claus que, porén, se viu superado en número nesta edición do certame polas diversas interpretacións do Apalpador.

O concurso “Engalana o teu concello” lanzouse a principios de decembro dándo a posibilidade de participar en tres apartados e de ganar gorentosos premios en cada un deles: o individual, referido á decoración de vivendas (15 vales de 50€ para consumir na hostalaría ou gastar no comercio local); a categoría colectiva, para premiar o engalanamento de espazos públicos (5 vales para xantares ou ceas para 5 persoas por vale); e o apartado de establecementos, este último subdividido á súa vez nas seccións de escaparates e exterior cunha cesta de produto local para cada un deles.

Ademais, o Concello decidíu facer unha mención especial para varias veciñas e veciños de Lamas e Igrexafeita que axudaron nas decoracións sen participar en ningunha categoría do concurso, así como ao grupo encabezado por Marián Arroyo que montou o Belén instalado no patio da casa consistorial.

Por categorías, os premios foron os seguintes, que se entregarán na Casa da Cultura o próximo 8 de xaneiro ás 12:00h.:

image.png