Friday 22 de November de 2024

A Xunta insta ao Goberno Central a buscar unha solución para resolver a situación dos inquilinos dos inmobles da Sareb


— Heriberto García lembra que o Estado é propietario do 45% desta sociedade pública e, polo tanto, cumpre o papel de arrendatario

— Traslada que a Xunta non comparte os plans que ten a Sareb para os actuais inquilinos e solicitou información para evitar situacións de vulnerabilidade social

A Xunta insta ao Goberno central a analizar a situación das persoas que actualmente habitan unha vivenda da Sareb e plantexar alternativas que resolvan a situación na que se atopan os inquilinos.

O director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, respondeu esta mañá unha pregunta na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia, onde recordou que o Estado é actualmente o propietario de máis do 45% desta sociedade pública e, polo tanto, cumpre o papel de arrendatario fronte aos actuais inquilinos.

Heriberto García lembrou que a Administración galega carece de capacidade para intervir nos conflitos entre arredentario e inquilino, pero en todo caso xa solicitou información á Sareb para coñecer a situación das familias afectadas e tendeu a man para artellar solucións que ofrezan unha solución habitacional, sobre todo naqueles casos nos que unha familia poda atoparse en situación de vulnerabilidade.

O director do IGVS tamén sinalou que o borrador do Plan estatal de vivenda 2022-2025 —remitido á Xunta en xuño, pero aínda non aprobado— incluía un programa de posta á disposición de vivendas da Sareb para o alugueiro social, con axudas ás comunidades. Un proxecto do que “non se recibiron máis noticias”, polo que invitou ao Goberno central a pechar esta folla de ruta para así poder facilitar unha vivenda ás familias.

“Todos estes son motivos máis que xustificados para que o Goberno central se decida por mediar nas situacións de conflito que detectaron en Galicia”, incidiu Heriberto García.

Por último, engadiu que Galicia foi unha das primeiras comunidades en establecer un convenio de colaboración coa Sareb para mobilizar o parque de vivendas e poder ofrecer unha solución habitacional ás persoas con maiores dificultades.