Saturday 16 de November de 2024

Unha oferta de 33.333,33 euros gana a poxa pola vivenda de Bardaos


A adxudicación provisional recaeu nun veciño de Narón que deberá satisfacer ese importe nos próximos días e, ademais, empadroarse no municipio

A Mesa de Contratación que se encarga da poxa pública da antiga escola das Loibas reuniuse hoxe ás dez da mañá en acto público para abrir as plicas coas oito propostas económicas presentadas por outras tantas persoas interesadas no inmoble. O prezo de saída situábase en 20.000 euros, unha contía que finalmente se elevou até os 33.333,33 da oferta ganadora, rexistrada por un veciño de Narón a quen xa se lle comunicou a adxudicación provisional da vivenda situada en Bardaos. Agora, antes de que a adxudicación sexa definitiva, o licitador disporá de 10 días hábiles para achegar a documentación xustificativa de estar ao corrente das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

A presentación deses documentos será imprescindible para poder proseguir co trámite e, de non facerse, a adxudicación faríaselle á seguinte oferta económica máis elevada. Todas as propostas superaron os 20.000 euros de saída, oscilando entre os 21.001 euros da máis baixa e os 28.560 da segunda máis alta.

Unha vez que se complete o paso da presentación da documentación requirida haberá un prazo de 15 días hábiles trala recepción da notificación para formalizar o contrato, previo ingreso na Tesouraría Municipal da cantidade ofertada (33.333,33 euros).

Nese período tamén se deberá escriturar o inmoble, algo que o adxudicatario poderá facer en solitario ao seu nome ou conxuntamente co/a cónxuxe ou persoa con quen manteña unha relación de afectividade análoga. En calquera caso, os gastos rexistrais e notariais, así como os impostos que gravan a transmisión correrán pola súa conta.

Outros requisitos que deberá cumprir son o de destinar o inmoble exclusivamente ao seu uso como vivenda unifamiliar e, ademais, o titular deberá empadroarse en San Sadurniño no prazo máximo dun mes despois de escrituralo.

A Mesa de Contratación abriu esta mañá os sobres correspondentes ás propostas económicas presentadas polas oito persoas que concorreron á poxa. Ao acto público que tivo lugar no primeiro andar do Concello asistiron tres das ofertantes. A acta coa relación de licitadoras e contías presentadas pode descargarse desde esta ligazón da Plataforma de Contratación co Sector Público.

121 metros de vivenda e algo máis dun ferrado de finca
A vivenda unifamiliar está situada no número 17 do lugar das Loibas e ten dous andares que suman 121,58 metros cadrados de superficie construída. Na parte baixa dispón dunha grande sala para cociña-comedor, un aseo con ducha e unha estancia orientada a despensa ou lavandaría que comunica coa zona da horta -a casa ten 572 metros cadrados de finca-, mentres que no primeiro andar hai dúas habitacións e un amplo cuarto de baño.

A edificación foi antano a escola da parroquia de Bardaos e, despois de anos sen uso, o Concello decidiu en 2013 rehabilitada con fins residenciais, dentro dun plan municipal que tiña como finalidade a posta en valor tanto deste inmoble como da pequena escola unitaria do Cerdeirido, situada en Naraío e vendida en 2018 tamén en poxa pública. O plan tamén serviu para darlle traballo durante medio ano a catro persoas que se encontraban en situación de desemprego. Outro dos obxectivos municipais era o de fixar poboación ofrecendo a oportunidade de conseguir unha vivenda no rural por un prezo asequible.