— A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, mantiveron hoxe unha reunión con representantes da empresa pública Seaga encargada da retirada dos niños e da central de chamadas do 012 para abordar a renovación da encomenda
— O plan de loita contra a vespa velutina púxose en marcha en 2020 con 285 concellos adheridos e neste 2021 abarcou un total de 300, o 96% dos municipios galegos
— A Xunta ofrece con este plan unha resposta centralizada, coordinada cos concellos e homoxénea en toda a comunidade que permite acadar maior eficacia nas zonas afectadas
— O Goberno galego lembra a importancia da colaboración dos cidadáns e que contacten co Teléfono de Atención e Información á Cidadanía 012 cando detecten un niño
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, fixeron hoxe balance do programa galego de vixilancia e control fronte á vespa velutina acordado entre a Xunta e os concellos a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). No segundo ano en vigor deste plan, a empresa pública Seaga encargada da encomenda da retirada dos niños desta especie nos 300 concellos galegos adheridos -o 96% do total-, eliminou un total de 14.651 niños desde xaneiro.
Por provincias, destaca Pontevedra con 5.772 niños eliminados ou neutralizados seguida de A Coruña con 5.611, mentres que en Lugo e Ourense se retiraron 1.769 e 1.499 niños respectivamente.
Así o explicaron hoxe durante unha reunión con representantes da empresa pública Seaga e da central de chamadas do 012, na que tamén se abordou a renovación da encomenda para 2022, por terceiro ano consecutivo, tralo éxito acadado nestes dous exercicios en vigor. De feito, debido á boa acollida desta iniciativa posta en marcha en 2020, a Xunta decidiu renovar a encomenda neste ano, no que aos 285 concellos incluídos o ano pasado se sumaron outros 15.
A directora xeral de Administración Local detallou que, ao igual que o ano pasado, na época estival rexistrouse o maior número de avisos co máximo de chamadas no mes de agosto cun total de 6.300. Por iso, entre mediados de xullo e outubro, a Xunta reforzou a liña específica do Teléfono de Atención e Información á Cidadanía 012 para atender os avisos de niños de velutina estendendo a súa cobertura a tódolos días da semana en horario entre as 08,00 e as 20,00 horas, mentres que o resto do ano está activa de luns a venres tamén nese horario e os sábados de 08,00 a 17,30 horas.
Natalia Prieto incidiu na importancia da colaboración cidadá e a necesidade de que contacten co teléfono 012 cando detecten un niño de vespa velutina e informen da súa presenza.
Nesta liña, incidiu en que a renovación da encomenda permitiu ademais que se continuase a ofrecer unha solución homoxénea en tódalas zonas afectadas e acadar unha maior eficacia na retirada e neutralización dos niños de vespa velutina ao longo deste ano. Deste xeito, a Xunta traballa de forma coordinada cos concellos co obxectivo -engadiu- de loitar contra esta especie invasora e reducir a intranquilidade que lles ocasiona a súa presenza aos cidadáns.
A empresa Seaga conta cun equipo de coordinación que organiza aos equipos de intervención, aos que a Xunta dotou do equipamento necesario para garantir a máximas condicións de seguridade dos seus efectivos durante os operativos.
O Goberno galego xa viña traballando desde 2014 nun programa de vixilancia e control para minimizar o impacto da vespa asiática na comunidade e, ante o aumento da súa presenza, decidiu redobrar o ano pasado os esforzos e actuar coa Fegamp coa posta en marcha dun Plan centralizado para frear o seu avance a través da colaboración cos concellos nas labores de retirada e extinción dos niños.
Con este plan, unha vez recibida a chamada no 012, actívase o protocolo e contáctase co axente encargado de atender o aviso para determinar a actuación que procede. Na maioría dos casos retíranse nun prazo máximo de 5 días hábiles, salvo nos niños de difícil acceso ou que requiran actuacións complementarias ou permisos, nos que o prazo pode ser maior.
O director xeral de Emerxencias e Interior, aclarou tamén que cando os avisos se corresponden cunha urxencia ou son de risco especial por estar en lugares moi concorridos derívanse aos servizos de emerxencia do 112 para a súa retirada inmediata. Puxo como exemplos niños activos no interior de vivendas habitadas ou en establecementos singulares ou de pública concorrencia.
Ao igual que o ano pasado, contactouse por SMS coas persoas que comunicaron o aviso para informarlles da resolución e o equipo deixou constancia das intervencións realizadas cunha pegatina que indica a data da visita e informe de que os niños están inactivos.
Como novidade, no servizo de comunicación de resolución de avisos SMS integrouse a nova aplicación Controlvelutina, a través da que os efectivos de Seaga xestionan os avisos introducindo en tempo real os datos de xeolocalización e fotografías do niño, as observacións de cada caso e o resultado final.