O Goberno municipal continuará sendo o responsable da programación ata decembro do 2023
A alcaldesa, Inés Rey, asinou esta mañá xunto a Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña, o convenio de colaboración entre a institución provincial e o Concello para a xestión do Teatro Colón ata decembro de 2023. O Goberno municipal continuará facéndose cargo da programación e o desenvolvemento dos distintos espectáculos celebrados neste espazo.
O Concello xestionará a través do IMCE ditas actuacións e eventos do Teatro Colón. O acordo asinado esta mañá na Deputación foi aprobado por unanimidade no pleno da entidade provincial, que entende que debe ser o Goberno municipal quen xestione este espazo cultural dentro da súa rede pública, pese a que o teatro é propiedade da Deputación.
Coa sinatura desta mañá, o Goberno de Inés Rey amosa o seu compromiso coa cultura e os diferentes espazos onde se realizan eventos de distinto xénero. Hai uns días o Concello presentou no Teatro Rosalía de Castro unha ambiciosa programación para o primeiro semestre do 2022. Ademais, o Goberno local tamén amosou este Nadal o seu apoio ás salas de concertos da cidade a través do programa ‘Salas vivas’.
O obxectivo é contribuír a defender e divulgar os valores socioculturais da cidade, potenciar o desenvolvemento das actividades culturais no seu conxunto, levar a cabo e xestionar os programas do concello relacionados con actividades culturais de interese para a cidadanía, xestionar e promocionar todos aqueles espectáculos que poidan dinamizar a oferta cultural da Coruña e xestionar as instalacións e o equipamento municipal.
A Deputación achegará a través deste acordo 500.000 euros, dos que 350.000 estarán dedicados a financiar os custos da programación que realice o IMCE e 150.000 euros ao mantemento da instalación. Pola súa banda, o IMCE aboará os custos do persoal de xerencia do teatro e de asistencia técnica, así como dos espectáculos e actividades, difusión e publicidade destes, venda de entradas, limpeza do inmoble e seguros