— Este orzamento permitirá ao Goberno galego atender máis de 2.000 solicitudes de axuda para compensar os prexuízos que provoca a fauna silvestre e que son denunciados a través do teléfono 012
— O Goberno galego mantén os 650.000 € para paliar as afeccións do lobo tendo en conta o escenario incerto e inseguro xuridicamente provocado pola orde do Goberno central que en setembro elevou o status legal de protección da especie
— No caso da orde do xabaril, a contía máxima increméntase un 25% para chegar ata os 2.500 €, fronte aos 2.000 € que se fixaban na convocatoria anterior
A Xunta de Galicia convoca as axudas para paliar os danos que provocan o lobo e o xabaril ao sector agrogandeiro, por un importe global de preto de 2,1 millóns de euros, que se poderán solicitar desde mañá.
Tendo en conta o orzamento dispoñible e o resultado das convocatorias anteriores, estímase que en 2022 poderán beneficiarse das dúas ordes de axudas —publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia— máis de 2.000 titulares de explotacións gandeiras e persoas que sufran danos nos seus cultivos agrícolas.
Unha das novidades da convocatoria para paliar os danos producidos polo lobo é a inclusión dun importe adicional, en concepto de lucro cesante, para o gando bovino e ovino-cabrún reprodutor de carne e leite (femias). Suporá un incremento dun 10% nos importes das reses bovinas con maior afectación polos danos (bovinos maiores de 2 anos) e equinos menores de 4 meses; de case un 12% en ovinos menores de 6 anos (pasan de 59 a 70€); e dun aumento dun 18,6% para os años (103 a 115€).
A convocatoria conta cunha partida inicial de case 650.000 euros, polo que a Xunta mantén o esforzo realizado nos últimos anos tendo en conta o escenario incerto e inseguro xuridicamente que se presentou para o sector desde o mes de setembro, a raíz da publicación da orde do Goberno central que elevou o status legal da especie mediante a súa inclusión na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial.
A orde recolle un ano máis a posibilidade de sufragar os gastos veterinarios das reses que resulten feridas e, de ser necesario no caso de sufrimento grave e irreparable, tamén cubrirá os gastos de eutanasia acreditados e realizados de forma regrada por un profesional. Novamente, serán subvencionables os abortos que sufran as reses, como consecuencia do acto de depredación e tras a correspondente acreditación veterinaria.
As contías das axudas xerais concedidas variarán en función das especies afectadas e dos tramos de idade, oscilando entre os 26 euros dun exemplar de gando ovino/cabrún adulto e os 1.817 euros dunha vaca de raza autóctona de entre dous e seis anos de idade.
Así mesmo, estes importes poderán incrementarse nun 30% en 103 concellos indicados na propia orde —aqueles incluídos na Zona 1 ou naqueles ámbitos nos que rexistraran danos reiterados— e nun 10% no caso daquelas explotacións nas que se comprobara a aplicación de medidas preventivas avaliadas de xeito favorable.
A estas axudas poderán acollerse titulares de explotacións gandeiras, inscritos no Rexistro xeral de explotacións gandeiras (Rega), afectados por ataques de lobo á gandería que comuniquen os danos desde o 1 de outubro de 2021 ata o 30 de setembro de 2022.
Estes incentivos súmanse ao investimento de 4,6 millóns de euros realizado no período 2016-2021, en liñas de axudas para a adquisición e instalación de medidas preventivas fronte aos danos que o lobo ibérico ocasiona nas explotacións agrogandeiras, así como para indemnizar aos afectados.
1,5 M€ para paliar os danos do xabaril
En canto á orde de axudas para paliar os danos do xabaril sobre cultivos, a nova convocatoria dispón dun orzamento de 1,45 millóns de euros. Unha das novidades é que se incrementa o importe máximo da axuda nun 25%, xa que se fixa nos 2.500 euros, fronte aos 2.000 euros por beneficiario que estipulaba a anterior convocatoria.
A estas axudas poderán acollerse titulares de explotacións gandeiras, inscritos no Rega ou de autoconsumo, afectados por ataques de xabaril nos seus cultivos que comuniquen danos desde o 11 de outubro de 2021 ata o 10 de outubro de 2022.
Cómpre lembrar que, entre outras medidas, a Xunta declarou o pasado mes de agosto a emerxencia cinexética temporal en 29 comarcas galegas —198 concellos, un 68% da superficie galega— para frear os danos do xabaril, que estará en vigor ata o 27 de febreiro de 2022 se non se suspende antes.
Danos provocados polo oso
Por último, o pasado 17 de decembro tamén se convocou a orde de axudas para paliar os danos que provoca o oso pardo en explotacións gandeiras e, de forma particular, naquelas dedicadas á apicultura, por un importe de 60.000 euros. Esta é a segunda vez que se convoca esta liña de axudas e dá continuidade á de 2021, que se pechou coa concesión dun total de 25 axudas por un importe de case 37.000 euros.
Os beneficiarios desta convocatoria —que poden presentar as súas solicitudes ata o 18 de xaneiro— son os titulares de explotacións gandeiras inscritos no Rega, así como propietarios de colmeas, que se viran afectados.