Friday 22 de November de 2024

O Punto Limpo do Vilar do Colo contará cun espazo para promover a economía circular


No recinto instalouse unha caseta financiada con fondos europeos que facilitará o reaproveitamento de pezas de aparellos e enseres, ademais de ser punto de intercambio doutros en desuso que estean en bo estado ou doados de amañar

O Concello de Fene publicará en breve unha nova licitación para a xestión do Punto Limpo, despois de que o primeiro procedemento quedase deserto

A comisión de seguimento formada polos municipios de Fene, Cabanas e Ares deulle luz verde ás condicións do concurso, que incrementa até os 90.990 euros o prezo máximo anual da súa xestión

Os concellos de Fene e Cabanas, como cotitulares do Punto Limpo do Vilar do Colo, recepcionaron este luns o equipamento que permitirá dotar as instalacións dun espazo dedicado á economía circular. Trátase dunha caseta prefabricada que garda no seu interior andeis, mesas de traballo e todas as ferramentas necesarias para que a veciñanza poida desarmar e reaproveitar pezas de aparellos ou enseres avariados. Ademais o espazo tamén servirá como lugar de intercambio de obxectos traídos polas persoas usuarias ou recuperados do propio punto limpo aos que aínda lles quede vida útil. O proxecto, pioneiro na comarca, obtivo unha axuda de 14.701,50€ da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, cofinanciada con fondos estruturais da Unión Europea.

A iniciativa busca promover o que se deu en chamar “economía circular”, que combina aspectos ambientais e sociais promovendo a reutilización e intercambio de obxectos de todo tipo -electrodomésticos, aparellos electrónicos, mobiliario, roupa, etc.-, ben porque sexan doados de reparar ou porque aínda se encontren en bo estado e poidan facerlles servizo a outras persoas completamente gratis.

O espazo poderá ser utilizado por persoas que queiran amañar calquera cousa con pezas vellas que poida haber no punto limpo. Para iso terán á man mesas de traballo e toda clase de ferramentas, como desparafusadores e chaves de distintos tipos e medidas, martelos, serras e trades eléctricas.

Por outra banda, na caseta tamén se poderán deixar aparellos e enseres para que os recupere outra persoa -xa sexa coa utilidade orixinal ou con outra nova- e aqueles que xa non se usen pero que estean en boas condicións. Incluso se pretende que o centro funcione como punto de encontro colaborativo no que persoas con máis coñecementos poidan orientar e axudar a outras con menos experiencia en reparacións.

Do que se trata, en último caso, é de reutilizar para alongar a vida útil de moitos refugallos que doutro modo acabarían nos colectores do punto limpo para seren destruídos e reciclados posteriormente.

O Concello ultima nestes momentos a guía de uso da caseta de autorreparación e intercambio, que será gratuíta e que antes da súa apertura se acompañará dunha campaña de difusión mediante folletos e cuñas radiofónicas.

O equipamento e toda a ferramenta que contén financiouse cunha subvención da Consellaría de Medio Ambiente dirixida a accións relacionadas coa xestión de resíduos. Os fondos asignados -14.701,50€- proveñen da Unión Europea (Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020) e cobren o 100% do investimento efectuado, que ascendeu a 12.984,51€.

Os alcaldes de Fene e Cabanas, Juventino Trigo e Calos Brage, e a concelleira de Servizos, Mar Piñeiro, visitaron este luns a caseta trala súa recepción por parte dos dous concellos que comparten a titulariedade do punto limpo.

Nova licitación
O servizo de economía circular entrará en funcionamento no momento en que o faga o propio Punto Limpo do Vilar do Colo e, de feito, será a empresa xestora das instalacións quen se ocupe de coordinar o seu funcionamento.

O Concello licitou en outubro un contrato de xestión cun prezo base fixado en 207.175,08 euros. Finalmente o procedemento quedou deserto e, por este motivo, a Comisión de seguimento formada polos tres municipios promotores -Fene, Cabanas e Ares- acordou reinicialo recalculando o importe de saída, que se ascenderá agora a 272.972,40 euros, IVE incluído. Esta cantidade sería para os tres anos de posible duración do contrato -dous máis un de prórroga a razón de 90.990 euros anuais- que as licitadoras poderán rebaixar nas súas propostas.

Os pregos técnicos e administrativos mantéñense invariables, así como a fórmula de financiamento do servizo, na que Fene asumirá o 58,57% dos custos, Ares o 26,53 e Cabanas o 14,90% seguindo un criterio proporcional á poboación de cada municipio.

Nos próximos días publicarase na Plataforma de Contratación co Sector Público toda a documentación e abrirase un novo prazo para que as empresas interesadas presenten as súas ofertas.