O salón de plenos do Concello de San Sadurniño acolleu este mediodía o sorteo das seis cestas da campaña de apoio ao comercio local “No Nadal, consumo local”, á que se adheriron 25 establecementos e pequenos negocios de San Sadurniño. Desde principios de mes repartiron entre a súa clientela un total de 10.800 papeletas, 6.800 correspondentes a compras superiores a 10 euros e outras 4.000 para as transaccións inferiores a esa contía. As persoas premiadas -a quen mañá ás 12:00h. se lles entregará o seu agasallo- foron María Couce, Pablo Cancelo e Vicente Novo, que levarán cadansúa cesta valorada en 135 euros. Tamén resultaron agrazadas con cestas valoradas en 65 euros Carmen Grandal e Lorena Naveiras. O azar quixo que a terceira das cestas por compras inferiores a 10 euros lle tocase a Manolo Varela, concelleiro de Desenvolvemento local.
O sorteo efectuouse poucos minutos despois das 12:00h. Na urna botáronse as preto de 11.000 papeletas entre as que, despois de ben remexidas, a secretaria accidental do Concello, Mónica Cibreiro, quitou as tres de cor verde correspondentes a compras menores de 10 euros -premiadas coas cestas de 65€- e as tres de cor azul, cuxo agasallo eran as cestas de maior valor -135€-, aínda que en ambos apartados ían ben cumpridas de produto local e galego de proximidade: marmeladas, mel, viños, chacinas, queixos, etc.
O titular de Desenvolvemento Local, Manolo Varela, comentaba antes da celebración do sorteo que este ano a campaña superara todas as expectativas debido ao importante incremento no número de papeletas entregadas con respecto ao ano pasado. “No Nadal de 2020, cando se organizou por primeira vez esta iniciativa, faltoulle pouco para chegar ás 7.000 rifas e nesta edición andivemos cerquiña das 11.000. Iso dános unha idea de que efectivamente a xente aposta polos pequenos negocios locais facendo compras e consumindo, que era o obxectivo principal desta campaña de dinamización”.
Varela puxo en valor “a calidade dos produtos e servizos que temos preto da casa” aos que, segundo dixo, “este sorteo lles deu un pequeno plus en forma de detalle nunhas datas tan sinaladas. Constatamos que a xente de San Sadurniño apoia o que ten máis cerca. E non só no Nadal, senón que estamos seguros de que o fai tamén o resto do ano “.
Tras extraer as papeletas da urna, o Concello contactou xa coas persoas premiadas para entregarlles mañá ás 12:00h cadansúa cesta. Varela, que estaba presente no sorteo, soubo de inmediato que el tamén fora un dos agrazados. “Tocoume a min como lle puido tocar a calquera que mercase en San Sadurniño… é a primeira vez que gano algo nunha rifa”, dixo o concelleiro.
O resultado do sorteo quedou como segue:
Cestas valoradas en 65€ (papeletas por gastos inferiores a 10€): Lorena Naveiras, Carmen Grandal e Manuel Varela
Cestas valoradas en 135€ (papeletas por gastos de máis de 10€): María Couce, Pablo Cancelo e Vicente Novo
Na campaña “No Nadal, consumo local” participaron este ano 25 negocios de practicamente todo o territorio de San Sadurniño. Son, por orde de inscrición, os seguintes: Floristería La Feria, Libraría Brétema, Clínica de fisioterapia Fisio-Che Ben, Pescadería Mariña, Supermercado Outeiro, tenda veterinaria +Kotas, Bar O Campo, Café Bar Eladio, Peluquería Juan, Peluquería Santos, Clínica de fisioterapia Penamoura, os supermercados da Cooperativa de Meirás en San Sadurniño e Naraío, a Clínica dental Iria García, a Parrillada María Queira, o Restaurante-Mesón Os Cazadores, o centro de logopedia Alba Gil, Supermercado-bar-estanco Calvo, Ferretería Lamas, Clínica de fisioterapia Sansastur, Peluquería Lucía, Taxi Antonio Fraga, a Mercería Triscos e Fíos, a Clínica podolóxica En Pé e o Bar Santos.
Máis premios o xoves
Ademais de coñecerse as persoas premiadas coas cestas do comercio local, esta semana tamén saberemos quen levan os agasallos do certame “Engalana o teu concello”. Ao peche do prazo de inscrición mandaran as súas fotos de decoracións do Nadal unha trintena de participantes.
O xurado dará a coñecer os premios este xoves, ao tempo que se publicará no Facebook do Concello unha galería con todas as imaxes recibidas para optaren aos premios de cada categoría: a individual, referida á decoración de vivendas (15 vales de 50€ para consumir na hostalaría ou gastar no comercio local); a colectiva, que premiará o engalanamento de espazos públicos con 5 vales para xantares ou ceas para 5 persoas por vale; e o apartado de establecementos, este último subdividido á súa vez nas seccións de escaparates e exterior cunha cesta de produto local para cada un deles.
Os premios entregaranse na Casa da Cultura o próximo 8 de xaneiro ás 12:00h.