— Con motivo do 50 aniversario da creación do programa da Unesco sobre o Home e a Biosfera, o Goberno galego promove esta iniciativa, que arrancou o pasado 1 de decembro e percorre as sete grandes cidades ata o mes de xaneiro
— A Xunta destinará ao longo do vindeiro ano 6,4 millóns de euros ao impulso de actuacións para a posta en valor da riqueza natural destes espazos
A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo pode optar a axudas por case 2 millóns de euros para actuacións de mellora e conservación. Así o recordou a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, quen visitou esta mañá unha exposición itinerante sobre as sete reservas de biosfera de Galicia que chegou hoxe á cidade da Coruña.
A directora xeral lembrou que a Xunta convocará o vindeiro ano unha liña de axudas dirixidas aos xestores daquelas reservas que non xestiona a Xunta, entre as que se atopa esta da provincia da Coruña. Asemade, tamén se habilitará outra orde, por un importe de 3,2 millóns de euros, para que os concellos e as entidades sociais e ambientais do ámbito dun destes espazos poidan acceder a unha subvención coa que mellorar o estado do patrimonio natural.
“Xustamente, visibilizar a riqueza que atesouran estas áreas é un dos principais obxectivos” da exposición inaugurada hoxe na zona de La Marina, indicou Belén do Campo; que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; polo presidente da Autoridade Portuaria da Coruña —que cedeu o espazo—, Martín Fernández Prado, e o presidente da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, José Antonio Santiso.
“A Xunta quere animar aos cidadáns a coñecer uns espazos que destacan tanto polos seus valores naturais, como por ser un exemplo de convivencia entre homes e contorna”, engadiu a directora xeral, “sobre todo” cando se celebra o 50 aniversario da creación do programa sobre o Home e a Biosfera (MaB) da Unesco; polo que é o xeito de conmemorar esta data por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en colaboración co Centro de extensión universitaria e divulgación ambiental de Galicia (Ceida) de Oleiros.
A exposición, que permanecerá ata o vindeiro 2 de xaneiro, consta de nove paneis informativos, onde se pon o foco nos valores medioambientais, culturais e paisaxísticos que atesouran as reservas, así como na importancia de apostar polo desenvolvemento sostible para facilitar a actividade económica e social de quen habita estes espazos.
A cidade herculina é a sexta que acolle esta iniciativa, que arrancou o 1 de decembro en Lugo por ser esta a provincia galega que atesoura o maior número de reservas—catro das sete declaradas—, tras a recente proclamación da Reserva de Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel. A seguinte parada, e última, será en Pontevedra.
6,4 M€ de investimentos en 2022
En total, as sete reservas de biosfera de Galicia suman 1,03 millóns de hectáreas terrestres, o que significa que máis dun terzo da Comunidade conta con este recoñecemento internacional. De feito, é a segunda Comunidade autónoma con máis superficie baixo este selo, tan só superada por Andalucía.
Co fin de seguir conservando estes espazos, Belén do Campo lembrou que a Xunta destinará ao longo do vindeiro ano un total de 6,4 millóns de euros ao impulso de actuacións para a posta en valor da riqueza natural das reservas de biosfera. Estes fondos permitirán levar a cabo accións para desenvolver o seu potencial, que sigan poñendo no punto de mira a nivel mundial as excelencias naturais e paisaxísticas de Galicia.