Ata o día 6 de xaneiro continúa a se desenvolver na Pobra do Caramiñal a segunda edición da campaña Raña e gaña, a cal xa leva repartido preto de 500 agasallos dende que botou a andar no 27 de novembro. Trátase dunha iniciativa para a época do Nadal que nace da unión de forzas entre o Concello da Pobra do Caramiñal e o comercio local xunto coa colaboración do tecido empresarial: Congalsa, Grupo Roig, Rianxeira/Escurís, Conservas Ramón Franco, a estación de servizo Avia e DS Smith Cartogal.
Esta nova convocatoria supón a distribución de máis de 70 000 tarxetas en 60 establecementos comerciais e de servizos do concello; cifras que se traducen en arredor de 600 agasallos directos por un importe total de case 15 000 euros.
Dende a Concellaría da Promoción Económica, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), lémbrase que a motivación desta proposta é vigoriza-la actividade económica do municipio ao tempo que se xera ilusión nestas datas, e faise fincapé no éxito acadado na pasada edición, pois derivou nun movemento de aproximadamente 800 000 euros.
Por cada dez euros de compra faise entrega dun rasca e aqueles que resultan premiados especifican o agasallo xunto co establecemento onde se debe recoller. Figuran tendas de roupa, alimentación, deportes, centros de estética, xoiarías ou informática, entre outros, o cal é unha mostra da heteroxeneidade dos locais integrantes desta campaña e, polo tanto, dos agasallos: dende produtos alimentarios a sesións fotográficas, tratamentos de beleza ou complementos, os cales son só algúns dos exemplos. Cómpre lembrar que os comercios participantes contan cun distintivo nun lugar visible.
Doutra banda, os agasallos das empresas colaboradoras consisten, principalmente, en lotes de produtos, dispositivos eléctricos, maletíns de limpeza de vehículos e unha viaxe familiar a Eurodisney. No caso concreto destas contribucións, a recepción dos obsequios é na oficina do turismo (Casa Mariñeira), onde o persoal municipal se encargará da xestión, pois os artigos permanecen alí expostos. A atención ao público é de luns a venres, en horario de 10.00 a 14.00 horas.
O prazo para recolle-los premios estipúlase ata 28 de febreiro de 2022.