Friday 22 de November de 2024

A Xunta convocará o próximo ano unha nova edición das unidades mixtas de investigación co obxectivo de mobilizar 30M€ a través da colaboración entre empresas e centros de coñecemento


— O obxectivo é apoiar dez novas unidades e a creación ou mantemento de 90 empregos durante o período 2022-2025 no que se desenvolva esta convocatoria

— Conde destacou que o proxecto de Viaqua e Cetaqua na depuradora de Ourense apoiado pola Administración autonómica permite “converter as EDAR en auténticas biofactorías na procura do modelo de residuo cero”

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, anunciou hoxe que a Xunta convocará o próximo ano unha nova edición das Unidades Mixtas de Investigación co obxectivo de mobilizar 30 millóns de euros –dos que 12 serán achegados pola Administración autonómica– a través da colaboración entre empresas e centros de coñecemento. Así, o Goberno galego apoiará dez novos proxectos e creación ou mantemento de 90 empregos durante o desenvolvemento destas novas iniciativas (período 2022-2025).

Conde fixo este anuncio durante o acto de peche na estación depuradora de Ourense da Unidade Mixta CIGAT Biofactoría, a cal ten demostrado a viabilidade técnica, económica e ambiental da obtención de compostos de alto valor engadido a partir das augas residuais. “Trátase dun punto de inicio para converter as EDAR en auténticas biofactorías na procura do modelo de residuo cero”, sinalou do proxecto, posto en marcha por Viaqua e o centro tecnolóxico Cetaqua en colaboración coa Xunta de Galicia –a través da Axencia Galega de Innovación (Gain)–.

Durante a súa intervención, tamén puxo de manifesto a importancia da colaboración público-privada para impulsar a transferencia de coñecemento, captar talento e facilitar ao tecido empresarial gañar en competitividade desde a I+D+i. “Agora é máis necesaria que nunca, xustamente, polo novo escenario que nos abre a dixitalización e a transición ecolóxica porque son moitos os retos por diante”, asegurou.

Así, destacou que o programa de Unidades Mixtas que a Xunta de Galicia puxo en marcha en 2014 leva apoiadas 46 Unidades Mixtas –34 de nova creación e 12 de consolidación–, coa participación de 13 centros de coñecemento e 33 empresas –26 tractoras e 7 pemes–. Ademais, facilitou a creación e mantemento de preto de 700 postos de traballo unha mobilización de 130 millóns de euros.
O vicepresidente económico destacou, ademais, que catro de cada dez Unidades Mixtas constituídas ata o de agora están conformadas por empresas con domicilio social fóra de Galicia, o cal enriquece o ecosistema local de I+D+i. Ao mesmo tempo, indicou que dúas de cada tres unidades de investigación están relacionadas co novo modelo industrial que persegue a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia.