Friday 22 de November de 2024

8 persoas concorren á poxa pola vivenda que venderá o Concello de San Sadurniño en Bardaos


Esta mañá reuniuse no Concello de San Sadurniño a Mesa de Contratación encargada de dirixir o procedemento de alleamento mediante poxa pública da vivenda municipal reformada en Bardaos hai oito anos. O encontro convocouse para abrir os sobres de documentación administrativa do proceso, para o que se recibiron un total de 8 solicitudes de participación, todas elas admitidas. A Mesa volverá xuntarse mañá mércores 29 de decembro ás 10:00h -tamén en acto público- para abrir as plicas coas ofertas económicas e, de ser o caso, formular proposta de adxudicación provisional do inmoble.

Toda a información sobre este procedemento de alleamento atópase na web www.sansadurnino.gal e na Plataforma de Contratación co Sector Público, onde se pode acceder aos pregos e tamén ás actas que vai xerando a Mesa a cada paso.

A vivenda, de tipo unifamiliar, está situada no número 17 do lugar das Loibas (Bardaos) e ten dous andares que suman 121,58 metros cadrados de superficie construída. Na parte baixa dispón dunha grande sala para cociña-comedor, un aseo con ducha e unha estancia orientada a despensa ou lavandaría que comunica coa zona da horta -a casa ten 572 metros cadrados de finca-, mentres que no primeiro andar hai dúas habitacións e un amplo cuarto de baño.

A edificación foi antano a escola da parroquia e, despois de anos sen uso, o Concello decidiu en 2013 rehabilitada con fins residenciais, dentro dun plan municipal que tiña como finalidade a posta en valor tanto deste inmoble como doutro (xa vendido en 2018) situado no lugar de Correlo, en Naraío, ademais de darlle traballo durante medio ano a catro persoas que se encontraban en situación de desemprego. Por outra banda, o obxectivo municipal tamén era o de contribuír a fixar poboación no rural ofertando por prezos asequible as dúas escolas reconvertidas en vivendas.

A casa das Loibas saiu á venda mediante poxa pública cun prezo de partida de 20.000 euros. As persoas interesadas -oito en total- puideron presentar calquera cifra igual ou superior e a valoración das propostas por parte da Mesa de Contratación atenderá unicamente ao factor do mellor prezo ofertado.