• O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañados do alcalde Jose Luís Pérez percorreron parte do itinerario guiado que discorre polas principais zonas de extracción deste crustáceo.
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, percorreron este luns en compañía do alcalde de Laxe José Luís Pérez, unha parte do Roteiro do Percebe de Laxe un novo atractivo turístico deseñado polo fotógrafo Luís Polo.
O itinerario, guiado e sinalizado cun total de seis paneis informativos, percorre as principais zonas de extracción deste crustáceo, poñendo en valor a beleza dos espazos naturais que atravesa e tamén o oficio de percebeiro.
Trátase dun percorrido que rolda os 3 quilómetros e que discorre por lugares de gran valor paisaxístico. De dificultade baixa, pódese percorrer en aproximadamente unha hora “aínda que todo dependerá de canto tempo quéirase un deter en cada enclave”, sinala Polo, que non só encargouse de deseñar o percorrido, senón que tamén asina as fotografías, os textos e a maquetación de cada panel.
Nestes paneis pódense observar códigos qr que dan toda a información necesaria, como son os horarios e datas en que se poden observar como traballan os percebeiros.
Pola súa banda, a conselleira do Mar destacou que o Roteiro do Percebe de Laxe é un exemplo dos bos froitos que dan os proxectos dos grupos de acción local do sector pesqueiro. Neste caso, sinalou, trátase dunha iniciativa do GALP Costa da Morte, promovida polo Concello de Laxe, que busca ser un atractivo turístico e de dinamización da economía local, e tamén incrementar o valor en lonxa dos produtos da pesca costeira artesanal, principalmente do percebe.