A área recreativa de Soutogrande é durante a primavera e o verán un dos espazos de lecer predilectos para moita xente de dentro e fóra de Moeche. A piscina é un dos seus grandes atractivos, pero tamén o resto da zona á sombra dos castiñeiros e á beira do río. O Concello levou a cabo este ano importantes melloras no recinto dotándoo de nova iluminación de led e reformando os baños para adaptalos a persoas con mobilidade reducida. Ademais, agora tamén se vai ampliar o espazo dispoñible gracias á recente adquisición dunha parcela de 1.415 metros cadrados situada ao seu carón.
A leira en cuestión encóntrase na marxe oeste da piscina, xusto nas entremedias do aparcadoiro e do peche perimetral do recinto. O Concello fixo unha valoración coa que os propietarios estiveron de acordo e mercouna por 1.800 euros que, en palabras de Beatriz Bascoy “son un prezo que contempla o valor obxectivo da terra e o que mellorará toda a área recreativa”.
A mellora á que se refire a alcaldesa vén dada porque, ao ser terreo municipal, poderase acceder a Soutogrande directamente desde o aparcadoiro lateral, sen ter que ir dar toda a volta até a entrada principal. De feito, entre os plans do Concello encóntrase o de abrir nese punto un novo acceso á área recreativa “algo que agradecerán as persoas usuarias, especialmente as que teñan a mobilidade reducida”.
A outra posibilidade de mellora que viu o Concello refírese ao incremento do espazo de lecer. Son 1.415 metros cadrados, boa parte deles debaixo de maceiras de grande porte, onde o consistorio ten previsto instalar novas mesas e bancos, ampliando deste modo a superficie útil e o equipamento para gozar das instalacións.
Nestes días están facéndose labores de preparación da finca con esa finalidade. O departamento de Obras e Servizos encargou a roza de toda a parcela para favorecer o abrollo da herba. Tamén se fixeron podas sanitarias nas árbores, incidindo máis que nada nas maceiras que se suceden desde a cabeceira até o fondal da nova propiedade.
Na outra banda da terra repasáronse os loureiros, carballos e outras especies deixando a broza a unha altura de 1,5 metros para que a sebe faga de división natural entre a ampliación da área de lecer e o aparcadoiro.
Segundo comenta Beatriz Bascoy, “Soutogrande ganará moito con este novo terreo. Cunha intervención mínima estaremos engadíndolle á área recreativa cerca de tres ferrados de espazo ben fermoso destinado a uso público”.